publicidade hoxe

Ángeles Vázquez comprométese coa Federación Galega de Pesca a revisar e actualizar a normativa vixente na materia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe a súa primeira reunión institucional coa Federación Galega de Pesca e Casting, un encontro durante o que lle avanzou aos representantes do colectivo a súa intención de impulsar unha nova Lei de Pesca Fluvial que actualice a normativa vixente, que data do ano 1992.

Entre os asuntos abordados na reunión, cómpre subliñar tamén a necesidade de fomentar a pesca sen morte na comunidade, unha modalidade que permite conxugar esta práctica deportiva co obxectivo de sustentabilidade ambiental; a posibilidade de habilitar a renovación das licencias interautonómicas a través de entidades bancarias; ou a afección que está a producir o corvo mariño grande sobre certas poboacións piscícolas nalgúns ríos.

A este respecto, Ángeles Vázquez referiuse ao contrato asinado este verán coa Universidade de Santiago de Compostela para a elaboración dun estudo sobre a influencia do corvo mariño nas poboacións de salmóns. O obxectivo destes traballos, que se espera que estean rematados no primeiro semestre do ano que vén, é elaborar un plan de xestión destas especies que permita actuar fronte a esta situación.

Así mesmo, a conselleira tamén lle trasladou ao presidente da Federación Galega de Pesca e Casting, José Manuel Rey, a súa intención de seguir colaborando co sector a través dos convenios que mantén o seu departamento desde o ano 2016 con esta entidade, que aglutina a 55.000 pescadores, e nos que a consellería, lembrou, investirá 60.000 euros, incluíndo as achegas pendentes.

Neste sentido, referiuse aos 30.000 euros mobilizados para acondicionar tramos de ríos para a celebración dos Campionatos de España e Mundial Xuvenil de pesca a mosca en 2016 e tamén aos 15.000 euros dun convenio actualmente en execución para actividades de divulgación e fomento da pesca mediante a organización de eventos e campionatos dirixidos ao público infantil e xuvenil.

18 de outubro de 2018 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.