publicidade hoxe

Ángela Fernández Rey presenta en Betanzos o conto infantil-xuvenil “Chitón ata a Fin da Terra”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

presentacion chiton betanzosA Libraría Biblos de Betanzos (R/Santiago, nº4) acolle o sábado 6 de outubro, ás 18.30 h, a presentación do conto infantil-xuvenil “Chitón ata a Fin da Terra” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Ángela Fernández Rey e con ilustracións de Anabel Montouto.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada da ilustradora do libro, Anabel Montouto; e da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez. Así mesmo, contarase cunha lectura dramatizada do conto a cargo das autoras, que contarán coa colaboración de Carla Danjun Vázquez Barreiros.

A obra

Chitón é un pequeno morcego que desexa ver polo día o que hai fóra da súa cova. Coñece a Gavi, unha gaivota a quen convence para que o leve ver os lugares da zona. Esta, mentres lle mostra as marabillas da contorna de Fisterra, trata de facerlle entender que a súa vida ten que desenvolverse pola noite.

Con este conto, o lector/a poderá subir con Chitón ao lombo de Gavi e gozar desta magnífica excursión onde verá, a vista de paxaro, todo o que eles ven e, cando rematen a lectura, de seguro terá aprendido cousas que antes non sabía.

Colaboracións 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

A autora 

Ángela Fernández Rey é natural de Ourense, cidade das Burgas, chamada tamén Terra da Chispa.

É Técnica Especialista na rama Administrativa e Comercial. Na actualidade reside no Concello de Ames, moi preto de Compostela onde traballa como funcionaria da Xunta de Galicia.

En 2012 gañou o X premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil, da Deputación de Ourense, co conto “Por que está triste Miañas?”. En 2016 foi unha das 6 persoas gañadoras do Certame Literario de poesía do Concello de Amoeiro coa poesía “O meu mundo”.

Colabora coa Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos (Teo), como membro do xurado do certame de poesía ANOMAR.

A ilustradora

Anabel Montouto é natural de Oca, no Concello da Estrada. Dende cativa, a súa vida estivo ligada á arte: debuxar, pintar, bailar, escribir, ler… Sendo só unha nena, coloreaba os libros de debuxos e, dende entón, xa nunca o deixou. Será en 2014 cando comece a súa formación máis específica estudando a licenciatura de Belas Artes, en Pontevedra.

A súa primeira exposición individual tivo lugar en 2015, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira (Silleda), participando ao ano seguinte, neste mesmo lugar, na mostra colectiva “Dezarte”. Tamén formou parte da exposición “Eu son miña”, no Museo Manuel Torres de Marín en 2016.

No ano 2017 colabora realizando unha ilustración para o poemario Versos e bolboretas de Mónica Inés Varela Gestoso pero será con Chitón ata a Fin da Terra cando se encargue de ilustrar todo un conto.

4 de outubro de 2018 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.