publicidade hoxe

A Xunta traballa en prol do benestar dos rapaces e rapazas en risco de exclusión social

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, participou hoxe no encontro Think tank Innolab jóvenes e inclusión, un espazo de participación no que mozos e mozas, técnicos, Administracións e organizacións da sociedade civil traballan na consecución do benestar de rapaces e rapazas en risco de exclusión social.

Durante a súa intervención a directora xeral fixo fincapé na importancia do traballo nos procesos de inserción sociolaboral da mocidade en situacións de dificultade. Neste sentido, a Xunta de Galicia desenvolve o programa Mentor, pensado para persoas de 16 a 25 anos baixo medidas de protección pública co obxectivo de capacitalos para a vida independente e no que a inserción laboral é un dos factores chave.

A directora xeral lembrou que, durante o ano 2017, 519 mozos e mozas participaron neste programa e deles, máis do 77% xa superaban a maioría de idade. A taxa de ocupación media é superior ao 28%, con 221 contratos laborais vixentes o pasado ano.

O encontro estenderase ata mañá e abordará asuntos como a importancia da escola como elemento de socialización vencellado ao acoso e a violencia escolar, a familia como núcleo esencial do desenvolvemento e todas as vertentes da perspectiva de xénero co obxectivo de concienciar sobre a corresponsabilidade no ámbito doméstico. Amparo González destacou que “esta xornada é unha clara mostra da importancia da participación dos mozos e mozas e servirá tanto para reforzar o seu dereito a ser escoitados como para profundar nestes temas”.

18 de outubro de 2018 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.