publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta supera os 1,2 millóns de investimento executado no arranxo da estrada LU-621

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda leva investidos máis de 1,2 millóns de euros na rehabilitación do firme da estrada LU-621 logo de que recentemente remataran as obras de reforzo no tramo entre Valdriz e a intersección coa estrada LU-633 á altura de Carracedo, en Láncara, que foron adxudicados en máis de 392.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou o resultado desta actuación, que afectou a 8,2 quilómetros de vía, entre os puntos quilométricos 1,020 e 9,300, e que completa a renovación entre A Pobra de San Xiao e Láncara, dando continuidade a outras intervencións executadas nos últimos anos. Ao mesmo tempo, Balseiro anunciou que o vindeiro luns someterase a información pública o proxecto da senda de Valdriz, que suma outros 600.000 euros de orzamento.

Segundo explicou o delegado, o pasado ano actuouse noutro tramo da mesma vía e tamén na LU-622 entre Corvelle e Láncara, cun investimento conxunto de 254.000 euros. No ano 2016 a actuación afectou ao tramo da LU-621 ata a intersección Pousada (Baralla) e a N-VI, con 150.000 euros de orzamento.

Os traballos consistiron basicamente na rehabilitación do firme en toda a sección da estrada, estendendo unha nova capa de rodadura, limpeza e reperfilado das marxes da estrada, e execución de cunetas de seguridade de formigón en varios puntos, substitución dalgúns sinais e barreiras que non se atopaban en bo estado e colocación de novos tramos de barreiras de seguridade.

No ano 2015 actuouse no inicio da estrada, na travesía da Pobra de San Xiao, neste caso cun proxecto máis amplo que tamén incluía a renovación da iluminación pública, beirarrúas, redes de saneamento e pluviais e abastecemento. O investimento desta obra ascendeu a 485.000 euros.

Balseiro apuntou que “as melloras continúan” e con este fin sae a información pública o día 8 o proxecto de construción da senda de 500 metros que completará a conexión peonil dende a localidade da Pobra de San Xiao coa ponte de Valdriz. O delegado explicou que a publicación sufriu un lixeiro atraso porque se introduciron melloras no proxecto debidas á afección da rede de subministro eléctrico.

As obras inclúen a ensanche do trazado da estrada e outras medidas como a construción dunha rotonda en substitución do cruce que existe actualmente entre a LU-621 coa vía procedente dunha urbanización próxima. Tamén se dotará dun radio maior á curva de entrada á ponte sobre o río Neira.

A senda peonil arrancará do punto no que rematan as beirarrúas da Pobra de San Xiao, terá 2 metros de anchura e estará construída con formigón ata o encontro coa ponte. Para darlle continuidade, construirase unha pasarela sobre o río ampliando a plataforma da ponte con lousa de formigón.

4 de outubro de 2018 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.