publicidade hoxe

A Xunta somete a información pública o proxecto de actuación no Camiño Inglés en Santiago

A Xunta somete a información pública o documento básico de actuación no Camiño Inglés en Santiago, no tramo entre o cemiterio de Boisaca e o cruce de Meixonfrío, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados por este proxecto.

Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, esta actuación ten por obxecto reordenar o itinerario do Camiño de Santiago ao seu paso polo Polígono do Tambre, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información.

Neste proxecto se actúa en dous subtramos. Un é un pequeno tramo do camiño de Garabal, á entrada do polígono do Tambre, ata a conexión coa rúa Galileo, para habilitar aparcamento e beirarrúas nas dúas marxes da estrada. Estas bandas de aparcamento permitirán liberar de vehículos aparcados as beirarrúas por onde circularán os peregrinos.
O outro subtramo no que se intervirá se corresponde coa rúa das Mulas, entre o Cemiterio e o cruce entre a rúa das Mulas e a rúa do Tambre, xa en Meixonfrío.

Deste xeito no proxecto distínguense tres tipos de actuación. Unha é a construción do aparcadoiro entre o cemiterio e o tanatorio, outra é a intervención nas dúas marxes da rúa das Mulas, entre o cemiterio e o núcleo de Meixonfrío. E a terceira, a execución dun pequeno vial de novo trazado dende a rúa das Mulas e o cruce dos Vilares, para reducir o tráfico que entra na rúa das Mulas pola intersección coa rúa do Tambre e así acadar una mellor integración do Camiño ao seu paso polo núcleo de Meixonfrío.

Esta actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta é un dos dous proxectos que está a desenvolver a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para mellorar o Camiño Inglés na entrada de Santiago.

Trátase da intervención xa aprobada, no tramo que vai desde o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, cuxas obras se licitarán proximamente, dispoñendo dun prazo de execución duns 9 meses. Esta actuación está previsto que se inicie a comezos do vindeiro ano, para poder rematalas no último trimestre de 2019.

Mellora das entradas dos Camiños

Ambos proxectos enmárcase no seo do proxecto que a Xunta está a impulsar para mellorar as entradas dos Camiños en Compostela, cun orzamento de máis de 5 millóns de euros.

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue a axilizar estes proxectos, dando os pasos necesarios coa vista posta en ter iniciado no 1º semestre de 2019 os traballos das entradas dos Camiños Inglés, Francés e Portugués para telos a punto no Xacobeo do ano 2021.

2 de outubro de 2018 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.