publicidade hoxe

A Xunta premia o CIFP Manuel Antonio de Vigo por un traballo sobre turismo e linguaxe publicitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+
Sol Vázquez na entrega do premio

Sol Vázquez na entrega do premio

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe no CIFP Manuel Antonio de Vigo un dos premios do programa de innovación educativa Galicons-net, co que a Xunta difunde e promove os valores do consumo responsable nos centros educativos galegos.

A través desta iniciativa, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia premia os proxectos en materia de consumo responsable realizados por catro centros educativos de diferentes etapas. Na última edición, o proxecto do alumnado de educación infantil e primaria centrouse na análise da relación entre o consumo e o xénero, mentres que os proxectos dos centros de secundaria, formación profesional de grao medio e superior e educación especial analizan a linguaxe publicitaria.

O proxecto do CIPF Manuel Antonio de Vigo, gañador nesta última categoría, levou por título “E ti, practicas un turismo responsable?”. O obxectivo principal foi amosarlle ao alumnado dos ciclos superiores de xestión de aloxamentos turísticos, de axencias de viaxes e de xestión de eventos e de información e asistencias turísticas, un correcto emprego dos elementos da linguaxe publicitaria, para que os futuros profesionais do sector non só coñezan con detalle os recursos e os destinos turísticos que oferta Galicia, senón para que a promoción destes destinos se realice de forma responsable, respectando os dereitos das persoas consumidoras neste eido, con campañas de comunicación éticas e sustentables.

Para o desenvolvemento do proxecto, o alumnado investigou as características de diferentes destinos turísticos galegos, e tamén estudou as marcas turísticas empregadas, analizando os seus logotipos, slogans, ou páxinas web de referencia. A continuación, os estudantes desenvolveron varias tarefas de comunicación comercial, elaborando os seus propios anuncios con cuñas de radio publicitarias, merchandising, deseñando unha landing page ou creando perfís propios nas redes sociais.

Na convocatoria dos premios Galicons-net establécense catro categorías de participación: Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; Categoría B: alumando de educación secundaria obrigatoria; Categoría C: alumando de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas e categoría D: alumnado de educación especial. O mellor proxecto en cada unha das categorías recibe un premio en metálico de 1.500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Os centros interesados poden solicitar a súa inscrición no Programa Galicons-net a través aplicación do Plan Proxecta ou ben contactando directamente co Instituto Galego do Consumo e da Competencia no correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou no teléfono 881 999 091.

4 de outubro de 2018 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.