publicidade hoxe

A Xunta investirá 2,5 millóns de euros na construción do novo centro de saúde de Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelidePortada dereita
A-
A+

O Goberno galego investirá un total de 2.506.400 euros na construción do novo centro de saúde de Melide (A Coruña). Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante a súa visita aos terreos onde se situará esta nova infraestrutura sanitaria do Sergas, con motivo da presentación do proxecto básico deste novo centro sanitario.

A nova infraestrutura sanitaria da rede pública galega, que incluirá tamén o Punto de Atención Continuada (PAC), construirase nunha parcela cedida polo Concello de Melide de 4.968,50 m2. O novo centro de saúde situarase moi próximo ao actual e agrupará todos os servizos sanitarios nun só edificio, sendo a súa superficie construída de 1.928,20 m2, o que representa un incremento do 60,69% respecto da superficie do actual centro de saúde, que dispón de 1.200 m2.

Características do centro

O novo edificio conta cun deseño atractivo e moderno, con moita luz e desenvolverase nunha única planta para favorecer a accesibilidade a todos os seus puntos. Estará estruturado en catro áreas diferenciadas: a de medicina xeral e servizos comúns; a de pediatría; a de fisioterapia e o Punto de Atención Continuada (PAC).

O plan funcional do futuro centro de saúde melidense contempla 5 consultas de medicina de familia e 5 de enfermería, 1 de pediatría e 1 de enfermería pediátrica, 1 sala de toma de mostras, 1 consulta de farmacia, 1 consulta de matrona, sala de educación sanitaria, consulta de odontólogo e de hixienista e unha zona de fisioterapia que conta cunha ampla sala para ximnasio, ademais da consulta, cabinas de tratamento e sala de espera. Asemade contará con esperas, sala de xuntas, e estar do persoal, aseos, recepción, arquivos, almacéns, entre outros espazos.

Finalmente, o PAC disporá dunha consulta de medicina e unha consulta de enfermería, sala de reanimación-observación, recepción, aseos, vestiarios, esperas, tres dormitorios e sala de estar do persoal.

O concello de Melide ten, na actualidade, 7.025 tarxetas sanitarias, das que 798 son pacientes en idade pediátrica. Mentres que as Urxencias Extrahospitalarias dan cobertura a 9.600 pacientes dos concellos de Melide, Toques e Santiso, sendo a media diaria de 26 atencións.

A construción deste no novo centro de saúde suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada as súas necesidades, dando unha mellor resposta a atención sanitaria da cidadanía do concello de Melide e da súa contorna.

Nesta lexislatura, máis de 310.000 galegos beneficiaranse dun novo centro de saúde ou de melloras no actual. Neste senso, o Servizo Galego de Saúde traballa en vinte novas infraestruturas, 17 delas son novos centros de saúde e outras tres son ampliacións e melloras das existentes.

19 de outubro de 2018 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.