publicidade hoxe

A Xunta defende a protección intelectual e industrial do deseño para garantir o seu papel como motor da innovación empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A importancia de protexer o deseño a través de títulos de propiedade intelectual e industrial centrou a primeira xornada de traballo do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia. O workshop Estratexias para a protección do deseño, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, reuniu a máis de medio cento de profesionais no CIS Galicia (Ferrol) interesados en coñecer as fórmulas de rexistro dispoñibles para as súas creacións.

A directora de centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), María José Mariño, lembrou que hai innovación máis alá da tecnoloxía, “innovación vinculada a estratexias, metodoloxías, procesos e talento das persoas que ten un grande impacto na competitividade empresarial e na que o deseño é un elemento clave”. Este é o ámbito no que se circunscribe o novo Plan de Deseño para a Innovación 2020, que tivo a súa orixe en dous proxectos europeos nos que participa Gain: o Design4Innovation e o User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

Os participantes no workshop tiveron ocasión de coñecer as fórmulas de protección do deseño da man de representantes das institucións con competencias neste eido a nivel autonómico e estatal. Abelardo Nimo, do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi), advertiu que o peso do deseño é aínda moi baixo sobre o total das solicitudes de títulos de propiedade industrial, especialmente en Galicia. Neste sentido, animou aos profesionais do deseño a recorrer ao Segapi para identificar a fórmula de protección que máis se axusta á súa creación e que mellor pode garantir os seus dereitos.

Por parte da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), Raquel Sampedro sinalou que é importante protexer os deseños porque a propiedade intelectual outorga un dereito exclusivo que exclúe o uso de terceiros e tamén porque é un activo económico que permite comercializar licenzas de uso e engade valor aos produtos. A isto engadiu que para protexer unha creación esta ten que ser nova e ter un carácter singular e que, aínda que é algo bastante descoñecido, é posible protexer mediante títulos de deseño industrial dende estruturas de construción e decoración de locais comerciais ata deseños de páxinas web, interfaces gráficas, iconos e caracteres tipográficos.

Adaptar a lexislación á realidade

O sector profesional demandou durante a xornada que a lexislación se adapte á realidade complexa que supón o deseño. Daniel Bembibre, membro da directiva da Asociación Galega de Deseñadores (DAG), reivindicou que demostrar a orixinalidade pasa por valorar o proceso, non só o resultado, e que isto está pendente de integrar na protección legal do deseño. O deseñador industrial Antonio Monturiol completou esta visión pedindo que a normativa sexa máis exhaustiva coa regulación das copias, que desde o seu punto de vista son inevitables.

Estas visións foron completadas co relato de experiencias de primeira man por parte das empresas Sargadelos, Ardentia e SETGA, que explicaron o seu manexo destas cuestións nas industrias da cerámica, a artesanía e iluminación industrial, facendo fincapé tanto na protección das creacións cara a a fóra como a nivel interno, para evitar a fuga de deseños cara á competencia.

A vertente máis práctica da protección dos deseños abordouse a través dun taller dirixido pola empresa especializada en propiedade industrial e intelectual Clarke, Modet & Co, que se centrou en recomendacións, consellos e análises de casos reais.

No marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020, Gain continuará nos meses de novembro e decembro con outro workshop sobre novos materiais para a innovación e dous grandes encontros sobre ecosistemas de deseño na península ibérica e boas prácticas públicas e empresariais no ámbito europeo.

25 de outubro de 2018 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.