publicidade hoxe

A Xunta apoiou con 152.000 euros a presenza dunha vintena de empresas lucenses en sete feiras internacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou con 152.400 euros a presenza de máis dunha vintena de pequenas e medianas empresas lucenses en sete feiras internacionais e a súa participación en misións comerciais directas no estranxeiro.

Estes apoios articuláronse a través da liña de axudas a organismos intermedios que cada ano convoca o Igape (o Instituto Galego de Promoción Económica) e do que se beneficiaron tres entidades asociativas con sede na provincia de Lugo.

Na presente convocatoria, os beneficiarios foron a asociación de adegueiros e transformadores do Miño (66.700 euros), a asociación de empresas de xardinería (34.500 euros) e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (51.000 euros).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que por medio desta liña de axudas, a Xunta busca seguir apoiando a presenza do tecido empresarial lucense en novos mercados, a diversificación dos sectores internacionalizados e seguir ampliando o número de países aos que exportamos.

Os apoios descritos, que como media chegan ao 80% do investimento total que as entidades beneficiaras teñen que realizar para estar presentes nestas feiras, permitiron impulsar un investimento global que supera os 190.000 euros.

A experiencia do Craega

Para exemplificar a utilidade destes apoios, contouse coa experiencia práctica do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, unha das entidades beneficiarias destas axudas, representada pola súa vicepresidenta, Rocío Freire.

Freire explicou que este apoio permitiu ao Craega desenvolver tres accións, nas que participaron 16 empresas distintas, con ‘stands’ ou misións directas nas feiras de Sial en París (Francia), Biofach en Alemaña e na Feira Natural and Organic Products do Reino Unido.

Estes son os tres principais mercados exteriores por volume de negocio para a agricultura ecolóxica e ademais tres mercados relativamente próximos para facer chegar estes produtos certificados coas máximas garantías de calidade.

Desde o Craega valoran de xeito moi positivo a presenza nestas feiras internacionais e, en consecuencia, os apoios da Xunta que o fan posible, xa que esta participación permitiu ás empresas non só ampliar contactos comerciais e pechar vendas, senón tamén coñecer a demanda existente e os novos espazos e produtos que este sector lanza nivel europeo.

Pola súa banda, a asociación de adegueiros e transformadores do Miño, que inclúe cinco produtores emprazados en Chantada, empregou os apoios da Xunta para participar nas xornadas de presentación de viños galego en Bogotá (Colombia) e os asociados lucenses de empresas de xardinería estiveron presenten nas principais feiras sectoriais de Italia (Flomart), Alemaña (IPM Essem) e Reino Unido (Chelsea Flower Show).

30 de outubro de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.