publicidade hoxe

A Xunta apoia un proxecto de sinalización para reforzar a promoción dos recursos turísticos de Monforte de Lemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

A Xunta colabora co Concello de Monforte de Lemos no financiamento dun plan de sinalización turística que ten por obxecto completar e mellorar a promoción de puntos de interese do núcleo urbano e instalar indicadores direccionais do Miradoiro do Duque dende as diferentes vías de acceso.

Segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, Turismo de Galicia aporta o 65% do orzamento do proxecto, dentro da liña de cooperación cos concellos para mellorar infraestruturas turísticas. A aportación da Administración autonómica é de 9.130 euros.

O proxecto contempla a instalación dunha sinalización axeitada que facilite a chegada ata o Miradoiro do Duque, mediante a colocación dun panel dinámico informativo de dobre cara na estrada LU-903 -Monforte a Castro Caldelas- e dous indicadores na saída do núcleo urbano cara Castro Caldelas pola rúa Benito Vicetto.

A proposta inclúe tamén actuar no casco urbano, onde está previsto completar e mellorar a sinalización de lugares de interese como os Museos do Ferrocarril e de Arte Sacro, a Pinacoteca, a Torre da Homenaxe ou a oficina de turismo.

Este programa de Turismo de Galicia está orientado a colaborar co desenvolvemento de actuacións de mellora das infraestruturas turísticas que teñan por finalidade o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos, de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais.

25 de outubro de 2018 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.