publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta apoia a creación e sinalización da ruta circular de Burela que une os principais atractivos turísticos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turismo de Galicia, vén de achegar 6.200 euros para promover a posta en marcha e sinalización da ruta circular en Burela. Trátase dun ambicioso proxecto, cun percorrido de 16,25 km de lonxitude, que une os principais atractivos turísticos deste municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este apoio autonómico está articulado a través dun convenio de colaboración asinado co Concello de Burela de tal xeito que a administración autonómica achegará o 65% do custe total desta actuación.

A axuda permitirá crear, subministrar e colocar distintos postes indicativos e paneis coa información desta ruta para que afeccionados ao sendeirismo, veciñanza e visitantes podan coñecer en todo momento o percorrido e as zonas de interese paisaxístico, histórico ou arquitectónico polas que discorre.

Os postes serán de madeira tratada, e buscarán causar o menor impacto visual posible, colocándose sen interromper o transito existente. As placas indicativas de dirección, serán impresas sobre aluminio coas máximas garantías e durabilidade.

A ruta circular percorre case unha trintena de puntos de interese entre os que se atopan as principais praias (Penoural, Portelo, Cabaliño, Marosa, Ril, O Cantiño), os paseos marítimos máis importantes (Marosa e O Cantiño), espazos de interese paisaxístico (como o miradoiro do Monte Castelo ou soutos de castiñeiros), elementos patrimoniais (hórreos, fontes, monumento ao mancomuneiro), elementos relixiosos (igrexa de Vila do Medio, capela do Monte Castelo) ou de interese xeolóxico (como a rasa cantábrica e o batolito de San Cibrao), sen esquecer outros espazos como o porto e lonxa ou os estaleiros.

A ruta circular, ten o seu punto de inicio diante da praia de Penoural e moitos dos espazos que percorre xa forman parte das rutas habituais empregadas polos amantes do deporte, para camiñar, para correr ou, por grupos de sendeirismo, xa que logo discorre na maior parte dos treitos sen grandes desniveis e presenta unha dificultade baixa.

31 de outubro de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.