publicidade hoxe

A Xunta apela ao diálogo para consolidar unhas relacións laborais sólidas e axeitadas ao novo contexto económico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe na apertura do XVII Encontro galego de Relacións Laborais celebrado en Santiago a importancia do diálogo e do acordo para consolidar en Galicia unhas relacións laborais sólidas e axeitadas ao novo contexto económico.

Toca puxo en valor o traballo que desenvolve o Consello Galego de Relacións Laborais que ten como máximo reto a mediación na solución de conflitos laborais. Salientou que este órgano xoga un papel destacado na mellora das relacións laborais e na consolidación do mercado de traballo.

Indicou, ademais, a aposta do Goberno galego por consolidar unhas relacións laborais que garantan os intereses individuais e colectivos dos galegos co obxectivo de aumentar a estabilidade e calidade do emprego. A secretaria xeral de Emprego destacou que o obxectivo da Administración autonómica é buscar e apoiar medidas que melloren a situación laboral dos galegos e galegas.

Toca, ademais, apostou pola implicación de todos os axentes e pola suma de esforzos para dar resposta ás necesidades dos traballadores e traballadoras e do tecido produtivo. En definitiva, avogou por facer un esforzo para afondar en políticas que xeren vantaxes competitivas e melloras na produtividade das empresas e que se compaxinen con aspectos como a Responsabilidade Social Empresarial (RSE), a igualdade e a conciliación. Precisou, por último, que a Axenda 20 para o Emprego inclúe medidas nestes ámbitos para acadar un mercado laboral máis estable.

25 de outubro de 2018 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.