publicidade hoxe

A vacinación dos profesionais sanitarios increméntase nun 25% nos primeiros 7 días da campaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Preto de 4.200 profesionais sanitarios xa se vacinaron fronte a gripe nos sete primeiros días da campaña, logo de que a Consellería de Sanidade lles ofertara vacinarse unha semana antes do inicio da mesma para a poboación xeral. Esta cifra supón un incremento do 25% máis que o ano anterior. Así o destacou hoxe o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, na súa comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia.

O director xeral destacou as novidades na difusión da campaña deste ano entre as que citou a inserción do cartel en autobuses urbanos e interurbanos e no mobiliario urbano, ou o recordatorio na aplicación para móbiles e tablets que a Consellería de Sanidade pon a disposición de toda a cidadanía (VacGal).

Tamén é novidade, -dixo o director xeral-, a realización de reunións cos colexios de médicos, farmacéuticos, odontologos e persoal e enfermería para solicitarlles a súa implicación na difusión da mesma entre os seus colexiados. Sanidade tamén reuniuse cos hospitais concertados e privados para tratar de que sigan as mesmas estratexias de promoción da vacina entre o persoal da institución e os pacientes.

Con todas estas novidades, Sanidade aspira a seguir a mellorar a cobertura da vacinación, -incidiu o director xeral-.

900 puntos de vacinación

A Consellería de Sanidade iniciou esta semana a campaña de vacinación da gripe 2018 cun total de 608.000 doses. O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña conta con 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade: centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación, centros penitenciarios, entre outros.

A campaña durará dez semanas (ata o 29 de decembro), polo que Sanidade lembra á cidadanía hai tempo suficiente para facela progresivamente. Neste senso, lémbrase á poboación que os vacinados en calquera momento da campaña estarán protexidos cando chegue a onda epidémica.

Poboación diana

Ofértase a vacinación a todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións como as persoas de 60 ou máis anos e persoas menores desa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas…, con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…).

Ademáis, entre os grupos de risco, atópanse os convivintes das persoas antes mencionadas, o persoal sanitario e traballadores esenciais para a comunidade.

O principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.

A partir da cuarta semana da campaña, a Consellería de Sanidade promocionará a vacinación mediante chamada activa por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación entre 65 e 74 anos.

Ademáis, xa está activa a web temática da campaña, como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información técnica e os datos de evolución da campaña.

25 de outubro de 2018 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.