publicidade hoxe

A nova Lei de rehabilitación axilizará a tramitación para a recuperación de cascos históricos e núcleos rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rolda de prensa do presidente galego

Rolda de prensa do presidente galego

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a nova Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana de Galicia axilizará a tramitación para a recuperación de cascos históricos e núcleos rurais.

O seu obxectivo básico é facilitar a recuperación do patrimonio construído, evitar o seu abandono e favorecer a súa transformación nun factor de dinamización económica e social. Así o explicou o titular da Xunta na rolda de prensa tras a reunión do Consello de hoxe, no que se aprobou o borrador para poder sometelo ao ditame do Consello Económico e Social de Galicia e, posteriormente, poder remitir a normativa ao Parlamento para a súa tramitación.

Feijóo enumerou varias iniciativas aprobadas polo Goberno galego. Concretamente, referiuse ao Plan Rexurbe, que permite rehabilitar vivendas nos cascos históricos das vilas e cidades; ao incremento de fondos para levar a cabo accións en áreas de rehabilitación integral; e á baixada do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais no caso de vivenda usada habitual, o que sitúa a Galicia no grupo de comunidades coa cuarta menor tributación neste eido.

Todas estas medidas serán completadas coa nova Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana, que introduce varias novidades. En primeiro lugar, o presidente da Xunta subliñou que non será necesario informe da Dirección Xeral de Patrimonio para levar a cabo a rehabilitación dun inmoble salvo que sexa un Ben de Interese Cultural (BIC) ou un edificio con catalogación de protección integral.

“Iso significa que a Dirección Xeral de Patrimonio vai informar entre un 30 e un 40% menos de expedientes”, precisou, xusto antes de cualificar esta nova lei como a maior aposta pola axilización na tramitación de licencias directas para poder rehabilitar edificios que non sexan catalogados coa máxima protección patrimonial.

Vivendas situadas nos Camiños de Santiago

En concreto, a futura normativa simplificará os trámites de intervención nas vivendas situadas nos Camiños de Santiago e nos núcleos rurais e urbanos. Así pois, concederase unha licencia directa coa condición de que, como sinalou Feijóo, non afecte a elementos especificamente protexidos.

Deste xeito, a futura normativa ampliará os supostos de concesión de licencias directas por parte dos concellos, sen necesidade de contar coa autorización previa da Administración autonómica, para os seguintes traballos: cambios de cuberta e actuacións en carpinterías exteriores, fachadas ou no interior de edificacións.

Así mesmo, sinalou que a nova normativa permitirá agregar edificios entre si a través dunha unión interior para rehabilitar vivendas e poder vivir nelas. Tamén posibilitará a unión de locais de negocio aínda que pertenzan a distintas vivendas ou a demolición e reforma da fachada en edificios con protección ambiental se se atopan en situación de ruína.

Loitar contra as pintadas

De igual xeito, a nova norma establecerá un réxime sancionador específico para loitar contra as pintadas en edificacións históricas ou ámbitos protexidos, que poderán ser consideradas sancións leves ou graves e as multas irán desde os 300 aos 150.000 euros.

Para aqueles supostos que contemplen infraccións moi graves sobre patrimonio, como demolicións, destrución ou danos irreparables, xa se aplica a Lei de Patrimonio Cultural.

En conclusión, esta lei, unha das máis importantes que se prevé aprobar nesta lexislatura, suprimirá as trabas e dificultades para quen acomete actuacións de rehabilitación e garantirá tamén planificación e cualificación técnica nas intervencións.

O seu obxectivo non é outro que alcanzar unha Galicia máis atractiva para vivir, traballar e visitar, para o que se facilita a recuperación do construído, se fomenta a cultura da rehabilitación e se impulsa a dinamización económica, social e demográfica.

25 de outubro de 2018 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.