publicidade hoxe

Xunta e Concello de Santiago asinan a cesión de terreos para a construción da nova residencia de maiores

O conselleiro de Política Social na sinatura do convenio

O conselleiro de Política Social na sinatura do convenio

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe co alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez, o convenio de colaboración para a cesión a título gratuíto, por parte do ente local, da parcela na que se asentará a nova residencia de maiores proxectada pola Xunta. O acto, que tivo lugar nas dependencias do Pazo do Raxoi, contou coa asistencia da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.

En declaracións aos medios, o conselleiro destacou a colaboración entre administracións para dotar á cidade santiaguesa dun novo recurso, ao tempo que agradeceu á corporación municipal e ao seu rexedor “a rapidez e axilidade que fai posible a firma dun acordo que responde ao obxectivo común de garantir que os nosos maiores desfruten do benestar que merecen”.

En canto á situación desta nova infraestrutura, localizarase nun terreo de aproximadamente 3000 metros cadrados situado no barrio de Fontiñas, e contará cunha capacidade arquitectónica para a construción dunha residencia de 120 prazas. Así as cousas, o Concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión deste terreo á Consellería de Política Social, libre de cargas e gravames. Pola súa banda, o departamento autonómico ocuparase, unha vez aceptada a cesión, da construción do centro de maiores.

Unha das principais novidades do novo equipamento previsto é que contará con unidade xeriátrica e psicoxeriátrica diferenciadas; é dicir, disporá de zonas específicas para aloxar, coidar e traballar con residentes que padezan deterioracións ou trastornos cognitivos severos, facilitando así a súa correcta atención e mellorando a calidade asistencial. O resto das áreas destinaranse a zona social, con espazos para favorecer a convivencia, desenvolver actividades e recibir visitas. Tamén terá unha área de atención especializada que acollerá a consulta médica, as salas de rehabilitación e podoloxía, a farmacia e unha unidade de enfermaría; e finalmente, completarase con zona de administración e servizos: lavandería, cociña…

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, lembrou que esta actuación enmárcase no plan ‘Como na casa’, no que se proxecta a construción de sete novas residencias públicas, unha en cada gran cidade galega, para atender a maiores en situación de dependencia. Deste xeito, o Goberno galego responde a unha das prioridades recollidas no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 en relación á necesidade de incrementar a cobertura de atención ás persoas maiores. Nesta liña, Rey Varela explicou que o obxectivo “é mellorar a calidade de vida dun colectivo especialmente vulnerable, aumentando a oferta asistencial pública naqueles lugares onde se concentra a demanda de prazas, que son as grandes cidades e as súas áreas metropolitanas”.

A posta en servizo destas residencias permitirá que máis de 900 persoas maiores accedan ás novas prazas residenciais reducindo deste xeito a lista de agarda, e suporá a creación de arredor de 500 empregos vinculados directa ou indirectamente ao sistema galego de atención á dependencia.

17 de setembro de 2018 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.