publicidade hoxe

Xera sinala que a Certificación na industria forestal garante a sustentabilidade e a aposta polo coidado do ecosistema

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou hoxe na apertura da xornada técnica Certificación FSC, madeira, construción e innovación en Galicia a importancia da certificación forestal como base da bioeconomía, sinalando que a certificación é garante de sustentabilidade e dunha xestión que aposta polo coidado do ecosistema.

O director da Axencia, que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria, resaltou que precisamente un dos obxectivos principais da Axencia é fomentar a certificación como ferramenta de valorización do recurso e o medio para acceder a mercados esixentes no coidado do medio ambiente. Así o indicou na súa intervención no acto que se celebrou no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas, e que desenvolveu a organización global sen ánimo de lucro Forest Stewardship Council, dedicada a promover a xestión forestal responsable en todo o mundo.

Lema destacou a aposta do Goberno galego pola utilización de recursos naturais renovables como é a madeira e por procesos produtivos respectuosos co medio ambiente, lembrando que a Xunta está a impulsar a formación neste ámbito con accións de sensibilización e divulgación sobre o uso da madeira. Neste senso, indicou a importancia de dar a coñecer os diferentes usos da madeira en sectores como a construción e o contract, onde Galicia conta con varios exemplos de éxito.

O director de Xera, deste xeito, puxo en valor a importancia de apoiar a formación e a innovación, explicando que a Estratexia de formación da industria forestal, consensuada coas asociacións representativas do ámbito forestal galego, prevé impulsar ata 2020 a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida do que neste momento precisan as empresas. Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia, convocou o mes pasado axudas que permitirán desenvolver 14 xornadas formativas e diferentes actuacións de divulgación que chegarán a máis de 600 persoas en toda Galicia.

18 de setembro de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.