publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Uns 147.500 estudantes de ESO, bacharelato e de ensinanzas de réxime especial comezarán o curso 2018/19 o luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Un total de 147.439 estudantes comezarán o vindeiro luns, 17 de setembro, as clases na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Cómpre lembrar que as cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en secundaria. De feito, neste total tampouco se contempla o alumnado de FP, ensinanzas nas que aínda é posible matricularse.

ESO

Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 92.285 alumnos e alumnas comezarán o curso en ESO, o que supón un 1,2 % máis ca no curso 2017/18.

Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español diminuíu un 8,7 % respecto do curso anterior.

Bacharelato ordinario

Por outra banda os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería, indican que 30.494 alumnos e alumnas comezarán o luns as clases de bacharelato ordinario en Galicia, o que supón un 0,9 % menos ca no curso 2017/18.

No caso do bacharelato ordinario o número de alumnos e alumnas sen nacionalidade española a diferenza respecto do ano paso é dun 2,8 % estudantes máis.

Ensinanzas de réxime especial

No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de secundaria e bacharelato para adultos e ao bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais o descenso do alumnado, ata os 12.877 estudantes, é do 6,7 % respecto do curso 2017/18.

Pola súa banda, o número total de estudantes nas ensinanzas artísticas e deportivas acada este curso os 11.783, un 3% máis ca no curso anterior. En concreto, nas ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería, o número de alumnos será de 8840, un 2,1 % máis ca no ano académico 2017/18.

No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 351, un 4,6 % menos ca no curso 2017/18; mentres que nas de arte dramática haberá 164 alumnas e alumnos, un 3% máis ca no ano académico anterior.

Así mesmo o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño medra un 5,9 % ata chegar aos 730 estudantes. Por outra banda, nos estudos superiores de deseño haberá 760 matriculados, un 5,1% máis ca no curso anterior; mentres que nos estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais haberá 82 alumnos, 1 máis ca no 2017/18. No caso das ensinanzas deportivas o incremento de alumnado é do 13%, acadando os 856 alumnos.

Formación Profesional

No caso da Formación Profesional –non incluída nos devanditos 147.439 estudantes- a Consellería está aínda a pechar os datos de matriculación, que serán difundidos en datas próximas. Aínda así, a previsión inicial realizada polo departamento educativo da Xunta de Galicia é que –contando tanto os ciclos formativos en réxime ordinario e modular como a FP a distancia, a FP Dual e a nova FP Básica- o número de alumnas e alumnos sexa de preto de 51.000.

14 de setembro de 2018 | 13:54 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario