publicidade hoxe

Un “sapo” de prata e un libro gañan o Premio Antón Fraguas de artesanía da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

Un libro das encadernadoras Rosa Fernández Iglesias e Mª Carmen Villalva e un sapo de prata da xoieira Carla Canedo Martínez son as pezas gañadoras do XII Certame de Artesanía Antón Fraguas da Deputación da Coruña nas súas modalidades de contemporánea e tradicional. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, aproveitou a resolución do certame para loar a figura do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

O xurado composto por Pablo Arias Carpinteiro, Lidia Nieves Domínguez, Daniel López Abel, Elena Bangueses e Idioa Cuesta, presidido por Goretti Sanmartín Rei e coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, decidiron conceder os premio Antón Fraguas de artesanía da Deputación da Coruña na súa décimo segunda edición a un “sapo” de prata e acibeche da xoieira Carla Canedo e un libro encadernado por Rosa Fernández e Mª Carmen Villalva.

“Un sapo, unha muller” é o título da obra coa que Carla Canedo, con obradoiro na Coruña, se fixo co premio na modalidade de tradicional. Trátase dunha peza de orfebrería, realizada en filigrana tradicional compostelá con prata de lei e acibeche da que o xurado destacou a súa “execución axustada ao modelo tradicional do sapo, a calidade técnica na realización da peza e a innovación na presentación e tratamento do acibeche”.

En canto á modalidade de contemporánea, o premio recaeu na obra “E miraremo-las ondas. Once Cantigas do Mar de Vigo”, un libro encadernado polas artesás rosa Fernández Iglesias e Mª Carmen Villalva, con taller en Betanzos, en vacuno azul, lixado e tintado, gardas borde a borde da mesma pel e caixa en tea de seda. O xurado estimou que da obra, ademais da súa impecable execución, “a experimentación no soporte e a aposta por un oficio minoritario dentro do ámbito global da artesanía que pon en valor un formato en regresión como é o libro tradicional”.

A xoieira Carla Canedo comezou hai tres anos a súa traxectoria como artesá á que se dedica profesionalmente e á que chegou de forma autodidacta. “A obra inspírase na tradición, na peza do sapo que está en desuso e intenta recuperala con liñas máis actuais”, destaca esta artesá que ten na Coruña o seu obradoiro.

Moito máis dilatada é a traxectoria de Rosa Fernández e Carmen Villalva que levan desde o ano 1987 dedicándose á encadernación, máis de tres décadas de traballo que continúan no seu obradoiro de Viladesuso, no concello de Betanzos. Na actualidade, escollen as pezas nas que traballan e tratan de “encadernar libros especiais, pezas únicas para exposicións ou concursos”.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, aproveitou para destacar neste ano que se lle dedica o Día das Letras Galegas, o relevante “labor de Antón Fraguas á hora de estudar e ser albacea da nosa cultura tradicional e popular”, en especial, desde a súa activa participación en iniciativas como o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala ou o Museo do Pobo Galego.

13 de setembro de 2018 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.