publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rosa Quintana destaca a importancia do desenvolvemento de deportes marítimos para dinamizar as rías galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Rosa Quintana na presentación da proba

Rosa Quintana na presentación da proba

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Baiona a importancia de diversificar a actividade económica das localidades costeiras galegas a través dos deportes marítimos. Así o trasladou durante a presentación da proba de natación Tripe Coroa Illas Atlánticas, na que tamén participou a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez.

A conselleira do Mar aplaudiu a celebración de actos coma este que dan pulo a deportes que non son maioritarios, de cara a visibilizalos nun maior grao na sociedade. Ademais, explicou que deportes coma a natación encaixan dentro da aposta da Xunta de Galicia por complementar as actividades arredor do mar, ao igual que o fai a actividade náutico-deportiva, que é xeradora de riqueza e negocio nas zonas costeiras e constitúe un complemento á actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que este tipo de encontros promocionan o patrimonio galego, centrado sobre todo neste caso nas Rías Baixas e nos arredores das Illas Atlánticas, xerando actividades non só vinculadas á natación, senón outras de tipo cultural como visitas guiadas, concursos de fotografía ou outras actividades de lecer. Ao fío disto, lembrou que todo este conglomerado aporta valores diferenciadores de Galicia e fan posible que as rías reciban visitantes durante todo o ano.

Finalmente, Rosa Quintana felicitou aos organizadores do evento por converter as Illas Atlánticas nun punto de referencia para os amantes dos deportes do mar, por visibilizar a capacidade de dinamización das instalacións portuarias, por promover a cultura marítima da zona e por desestacionalizar o turismo ao celebrarse a competición no mes de setembro.

Pola súa banda a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, apuntou que os 161 nadadores e nadadoras de entre 17 e 70 anos tentarán “ser os primeiros en chegar a Baiona e emular á carabela La Pinta que tamén foi a primeira que chegou tras descubrir o Novo Mundo hai 525 anos”. Nas súas verbas gabou á organización por varios aspectos fundamentais relacionados coa seguridade e coas necesidades dos deportistas e destacou a importancia da “promoción deste tipo de actividades deportivas onde predomina a coexistencia sostible entre deporte e natureza”.

Triple Coroa Illas Atlánticas

É a competición de natación máis dura de España que se celebra nas Rías Baixas. A proba completa consta de tres fases, a que hoxe se presenta é a primeira e vai desde as Illas Cíes ata a praia de Ribeira, cunha distancia de 15 km. A segunda travesía será no 2019, desde a Illa de Sálvora á praia de Confín pasando polo espectacular illote de Areoso, cunha distancia de 19 km; e a terceira travesía nadarase no 2020, entre a Illa de Ons e a localidade de Combarro, pasando pola illa de Tambo, cunha distancia de 23 km. Unha vez realizadas as tres travesías, os nadadores percorrerán un total de 57 km.

Paralelamente a cada travesía a nado organízanse distintas actividades dirixidas aos familiares e acompañantes dos nadadores co obxectivo de atraer a Galicia a un maior número de persoas. Así, organizaranse dúas visitas guiadas a Sálvora e Cortegada, celebraranse dous concursos de fotografía e realizarase unha visita guiada en barco ás bateas de mexillóns da ría de Arousa, entre outras accións. Así mesmo, promocionaranse os mexillóns e as ameixas da ría a través do Consello Regulador do Mexillón de Galicia e a Agrupación de Parquistas de Carril cunha degustación destes produtos no aperitivo que se lles dará a todos os nadadores, familiares, voluntarios e organización ao finalizar a proba deportiva.

5 de setembro de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.