publicidade hoxe

Posta en marcha das primeiras Unidades Formativas que permiten ás empresas adaptarse ás novas técnicas de produción e exixencias do mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou hoxe en Vigo da posta en marcha das primeiras Unidades Formativas nas empresas. Con este programa, a Xunta busca axudar ao tecido empresarial a facer da formación un activo que lles permita incrementar a súa competitividade, preparándose así para dar resposta ás novas técnicas de produción, aos perfís laborais máis demandados e ás exixencias do mercado.

Conde mantivo un encontro cos 15 alumnos que reciben formación teórica e práctica especializada en aplicacións navais no estaleiro vigués Barreras, en colaboración coas empresas Vigra e GDOCE. O conselleiro salientou que a través deste tipo de unidades formativas en empresas a Xunta financia o 100% dos cursos de formación que as empresas decidan impartir en función das súas necesidades, cunha formación á carta na que se implican directamente as propias compañías.

Na súa visita, o conselleiro sinalou que a de Barreras é unha das primeiras 73 unidades formativas postas en marcha este curso vinculadas ao naval, destacando que é a primeira vez que se imparte esta materia en España e que conta con homologación estatal. O estaleiro está entre as 25 empresas da comarca viguesa de distintos sectores que participan nesta primeira convocatoria de 2018 de Unidades Formativas. En breve resolverase a segunda convocatoria.

En toda Galicia lévanse aprobado xa este ano un total de 332 unidades formativas para 3200 traballadores en 83 empresas. Tal e como apuntou Francisco Conde, Vigo e a súa área metropolitana concentran 2 de cada 3 destes cursos. Ademais, na súa maioría (sete de cada 10), están relacionados co naval, a automoción ou o sector TIC, tres industrias que requiren de persoal cualificado para seguir medrando e nos que a implantación da tecnoloxía xoga un papel fundamental.

Plan sectorial de formación

No caso concreto do naval, Conde lembrou que a Xunta aprobou o primeiro plan sectorial de formación, que recolle un conxunto de iniciativas e liñas de axuda, como as propias unidades formativas, que suman 13 millóns de euros para impulsar o emprego cualificado nesta industria e que beneficiará a 5000 persoas entre traballadores e desempregados.

O conselleiro incidiu así mesmo en que “Galicia está liderando a recuperación do sector naval en España e precisa dun acompañamento en materia de formación”, tanto para que os traballadores en activo amplíen a súa cualificación como para abrir novas oportunidades ás persoas desempregadas.

5 de setembro de 2018 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.