publicidade hoxe

Os veciños da Coruña poderán dispor desde finais de ano da pasarela e senda entre A Grela e Marineda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o remate a finais deste ano das obras de construción da pasarela e o itinerario peonil e ciclista entre A Grela e Marineda suporá para os veciños un salto cualitativo no reforzo da seguridade viaria de peóns e vehículos, ademais de “incidir positivamente no transporte público e contribuír a facer cidade”.

Vázquez Mourelle comprobou hoxe cos representantes da Asociación de Empresarios de A Grela e responsables de Marineda o desenvolvemento dos traballos que se están a levar a cabo na estrada AC-552, ao seu paso polo polígono empresarial. E incidiu no valor engadido que supón esta actuación para a contorna, dotándoa dunha “maior integración paisaxística e coa construción dunha pasarela singular que, de seguro, se converterá en distintivo da cidade”, dixo.

Lembrou que, cun investimento da Xunta que rolda os 2 millóns de euros, esta ambiciosa actuación integral ten por obxectivo mellorar a mobilidade nesta zona tan concorrida, entre o polígono de A Grela e o centro comercial Marineda, contribuíndo, ao tempo, a mobilidade e ao fomento do transporte público.

Explicou que os traballos que están a executar no entorno recollen como actuación máis singular a construción dunha pasarela elevada duns 200 metros de lonxitude, ao carón do centro comercial, que comunicará ambas as marxes da estrada autonómica. E, ao tempo referiuse á construción do itinerario peonil e ciclista senda, de 700 metros, que irá ata a parada de autobús existente fronte ao centro comercial Marineda.

Indicou que as obras, que incidirán positivamente na seguridade e na mobilidade de veciños e usuarios, marchan a bo ritmo e segundo o previsto, estando neste intre coa escavación e coa execución das zapatas da pasarela, e na zona a carón do mercado xa se botou o formigón e estase a colocar o bordillo da senda. Paralelamente, engadiu, avánzase na demolición do aglomerado e das beirarrúas existentes noutros puntos para a execución da nova senda peonil e ciclista.

A titular de Infraestruturas da Xunta dou conta tamén das afeccións temporais ao tráfico rodado derivadas da execución desta intervención, para o que foi preciso habilitar un itinerario pola rúa Galileo Galilei. As limitacións, que non afectan o tránsito peonil, continuarán ata o remate das obras e a conselleira apelou á comprensión ante as molestias na confianza “de que ao final das obras verase que terán merecido a pena”.

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Vivenda na pasarela e o itinerario peonil e ciclista entre A Grela e Marineda está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ademais da senda e a pasarela de Marineda, a Xunta continúa a aposta por dotar a cidade da Coruña de infraestruturas sostibles a través do Plan de sendas da comarca, que recolle a construción de 9 itinerarios que suman 7 novos quilómetros nos que o executivo autonómico está a investir 5 millóns de euros. E neste caso, a conselleira referiuse tamén ás 2 sendas en execución no concello de Oleiros, as de Montrove-As Pedreiras e O Carballo-As Pedreiras, e as outras 6 nas que se avanza na súa tramitación.

Tamén no marco da aposta prioritaria do departamento de Infraestruturas pola seguridade viaria, a conselleira informou das actuacións que se desenvolven no marco da Estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes en Arteixo (AC-552) e en Bergondo (AC-164). Actuacións ás que a Xunta achegará preto de 2 millóns de euros e para as que se está traballando para a súa execución no ano 2019.

En definitiva, concluíu Ethel Vázquez, a consellería ten en marcha investimentos de 7 millóns de euros na comarca da Coruña para reforzar a seguridade viaria e fomentar unha mobilidade respectuosa co medio.

4 de setembro de 2018 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.