publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os 32.500 docentes da Educación Pública comezarán a percibir unha suba salarial lineal de ata 1.260 euros ao ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta na rolda de prensa

O presidente da Xunta na rolda de prensa

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os 32.500 docentes da Educación Pública galega (funcionarios de carreira, interinos e substitutos de todos os corpos docentes) comezarán a percibir na nómina deste mes de outubro unha suba salarial lineal de ata 1.260 euros ao ano, cantidade que se consolidará en 2021.

Isto tradúcese, precisou Feijóo, nunha contía mensual de 90 euros ao mes en 14 pagas e nun incremento porcentual medio do 4% (en función dos corpos e dos sexenios e trienios de cada caso).

O investimento destinado a este fin, que ascende aos 41,4 millóns de euros e que foi autorizado hoxe polo Consello da Xunta, permite facer efectivo o dito incremento salarial, que foi acordado entre o Goberno galego e os sindicatos Comisións Obreiras e UGT o pasado mes de xullo.

En concreto, esta suba salarial irase implantando de xeito paulatino ata o ano 2021. Isto é:

-Entre outubro e decembro deste ano, a suba vai ser de 15 euros ao mes.

-A partir do 1 de xaneiro de 2019 aplicaranse outros 20 euros mensuais máis.

-Ao longo de 2020, o incremento será doutros 25 euros.

-Finalmente, o 1 de xaneiro de 2021 procederase á última suba, de 30 euros mensuais, completando así o 100% do incremento recollido no acordo.

Grazas a este acordo, subliñou o titular da Xunta, os docentes galegos situaranse na parte alta da táboa retributiva no ranking autonómico. De feito, sen contar o País Vasco e Navarra, que teñen un réxime fiscal propio, Galicia sitúase, respectivamente, no terceiro e cuarto posto desta táboa.

Deste xeito, a Xunta segue avanzando na mellora das condicións salariais dos empregados públicos de Galicia, como leva facendo, salientou Feijóo, desde que tivo marxe para facelo.

Senda de mellora para os empregados públicos

O titular do Goberno galego concluíu lembrando que esta suba, lonxe de ser unha medida illada, inclúese na continuación dunha senda de melloras para os empregados públicos. Este proceso, precisou, estase a realizar ano a ano:

-En 2015 devolveuse o 50% da paga extra de 2012 suprimida polo Estado.

-En 2016 devolveuse o outro 50% da paga extra de 2012, ata completar a devolución desta paga, ademais dun incremento salarial do 1% desde o 1 de xaneiro que se consolida nos anos seguintes.

-En 2017 recuperouse o pago do 100% das pagas extras a todos os empregados públicos da Xunta, que se consolida nos anos seguintes, ademais dun incremento salarial do 1% desde o 1 de xaneiro dese ano, que tamén se consolida.

-Finalmente, este 2018 é o cuarto ano consecutivo no que a recuperación económica se traslada ás nóminas dos empregados públicos, que en Galicia contarán. En primeiro lugar, cun incremento fixo do 1,5%, que xa se comezou a aplicar no pasado mes de xullo, ademais de aboar os atrasos desde xaneiro. E, en segundo lugar, cun incremento variable do 0,25%, que se vén de publicar hoxe mesmo no DOG e que se comezará a aboar nesta nómina de setembro, xunto cos atrasos desde xullo.

Galicia cumpre todas as normativas de control de gasto

Ademais de todo isto, cómpre lembrar que os profesionais dalgúns servizos públicos xa obtiveron importantes melloras nos últimos meses, como consecuencia, explicou o presidente, do cumprimento de todas as normativas de control de gasto. Referiuse Feijóo aos ámbitos da Xustiza e da Sanidade.

Por último, recoñeceu o esforzo dos docentes galegos, cuxo compromiso e formación son fundamentais para seguir construíndo unha Galicia mellor de cara ao futuro.

13 de setembro de 2018 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.