publicidade hoxe

O secretario xeral de Emigración desprázase ata o interior da Arxentina para visitar aos galegos de Rosario e de Santa Fe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse ao interior da Arxentina para visitar dous dos centros máis activos a nivel cultural fóra do ámbito xeográfico da capital, Bos Aires. A importancia que a intensa completa actividade destas entidades teñen para a difusión da cultura e a tradición galegas levou ao titular do departamento do Goberno galego a viaxar ata dúas das localidades con maior tradición musical, entre outras, da rexión central do país arxentino.

O responsable autonómico viaxou ata o Centro Gallego de Rosario, a cuxos representantes fixo entrega de instrumentos musicais que lles permitan continuar coa actividade que levan a cabo a través das diferentes agrupacións que acubillan. A gaita, os pandeiros e as pandeiretas coas que se dotou á entidade garantirán a continuidade do grupo de canto e percusión Alumea, o de gaita tradicional galega Leira do Son, que está a celebrar dúas décadas de vida, e os de baile tradicional galego, así como a do coro.

Miranda agradeceu tanto ao presidente do Centro Gallego de Rosario, Guillermo Picallo Durán, como ao resto da directiva, o importante labor de promoción e conservación da cultura galega que están a levar a cabo a través destas formacións musicais y doutras actividades de variada temática. Na actualidade, a principal entidade galega desta cidade arxentina conta con 290 socios, dos que 167 son galegos. Do total 150 son homes, e 140, mulleres.

Xuntanza cos galegos da capital do estado

Previamente, o secretario xeral da Emigración, acompañado polo delegado do Goberno na Arxentina, Alejandro López Dobarro, viaxaron ata a capital do estado de Santa Fe para manter unha xuntanza cos socios e os representante da entidade que dirixe Manuel López. Miranda quixo achegarse deste xeito aos galegos residentes no país andino que se atopan fóra do ámbito xeográfico urbano do gran Bos Aires.

O obxectivo do centro Gallego de Santa Fe, que cumpre 63 anos de vida, é servir de vínculo especialmente entre galegos e arxentinos, como demostra a súa amplitude de tecido asociativo da entidade, constituído por 210 persoas, das que 160 son galegos e o resto, do país andino. A entidade comezará, ademais, en outubro a organización dos actos do seu centenario, que terá lugar o ano vindeiro.

Tamén inmersos nunha intensa actividade organizativa están os representantes do novo centro galego de Rafaela, cidade situada a poucos kilómetros da capital do Estado. Con eles celebrou o responsable autonómico unha xuntanza aproveitando a súa estancia en Santa Fe para animalos na súa empresa e ofrecerlles o asesoramento necesario para levala a cabo.

10 de setembro de 2018 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.