publicidade hoxe

O M.Sancho Quartet leva á casa grande de Trasalba a música de cámara, dentro do ciclo Espazos Sonoros 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmoeiroCalendarioLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+
M.Sancho Quartet

M.Sancho Quartet

Esta fin de semana, Espazos Sonoros, o ciclo de músicas en espazos de interese cultural da Consellería de Cultura e Educación, visita a Casa Grande de Trasalba, en Amoeiro (Ourense), sede da Fundación e da Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo. Alí terá lugar unha xornada literaria e de lecer arredor da figura do excelso autor, na que as 50 persoas inscritas poderán gozar dun percorrido literario pola contorna, a cargo da profesora e escritora especializada en Otero Pedrayo Patricia Arias Chachero.

Despois dunha visita á casa familiar, terá lugar unha charla sobre Domingo Fontán, autor da Carta geométrica de Galicia, o primeiro mapa físico da comunidade, do que se atopa un exemplar na casa. O director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, será o encargado de lembrar a figura e o legado do científico galego.

As prazas para participar nesta actividade están cubertas, pero o público que o desexe poderá asistir ao concerto que ofrecerá M.Sancho Quartet para pechar a xornada, a partir das 19:00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade do lugar. A formación, liderada pola clarinetista e profesora do Conservatorio Profesional de Música de Vigo Marta Sancho, ofrecerá –baixo o título Cando as emocións transcenden as épocas– un repertorio que abrangue obras de diferentes períodos, compostas para conxunto de clarinete e cordas, de autores como Emil Hartman, Bernhard H. Crusell, Gloria Rodríguez Gil ou David Cuevas.

Para a directora artística do programa, Belén Bermejo, o contexto no que terá lugar o recital, a Casa Grande de Trasalba, onde o intelectual pasou longas tempadas na infancia e onde se retirou despois da guerra civil, enriquece a experiencia dun programa que presenta xa un grande atractivo.

Visita á fortaleza da Frouseira

O domingo, Espazos Sonoros trasládase a Foz, en Lugo, onde ás 15:00 horas e na compaña do historiador Anselmo López Carreira se fará unha andaina ata o miradoiro da Frouseira, a antiga fortaleza na que se conta que o mariscal Pardo de Cela resistiu durante anos o asedio dos exércitos dos Reis Católicos. Na ruta de volta farase unha visita comentada á igrexa de San Martiño de Mondoñedo.

Será nesa basílica onde terá lugar despois, a partir das 19:00 horas, o concerto da formación vocal e instrumental VIVID Consort, integrada por tres frautistas virtuosas unidas pola súa paixón pola música antiga. Christine Gnigler, Sheng-Fang Chiu e Lorina Vallaster ofrecerán un programa vocal e instrumental con músicas de finais de Idade Media e comezos do Renacemento, de autores como Enrique VIII, Thomas Bateson, Josquin Desprez, Antoine Brumel, Elway Bevin ou William Byrd, entre outros.

Tanto a ruta como o recital son abertos ao público e non precisan de inscrición previa.

Actividades do ciclo que precisan inscrición

Para o obradoiro de achegamento á musica antiga, que terá lugar o domingo 23 de setembro, na praza diante da igrexa de Santa María de Astariz, en Castrelo de Miño, as prazas están xa cubertas.

E o sábado 15 de setembro abre o prazo para inscribirse na ruta polo patrimonio arqueolóxico, xeolóxico e industrial do Incio, en Lugo. Os interesados en descubrir os tesouros desta zona teñen ata o día 26 para reservar praza. O concerto de peche, como vén sendo habitual, será aberto a todo o mundo mentres quede espazo dispoñible e terá lugar a partir das 19:00 horas en San Pedro Fiz do Hospital. Nesta ocasión, o espectáculo correrá a cargo de PER-SONAT, un proxecto fundado en 2008 baixo a dirección artística de Sabine Lutzenberg, unha das figuras máis relevantes da actualidade no eido da interpretación vocal de música antiga.

13 de setembro de 2018 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.