publicidade hoxe

O conselleiro de Educación visita o CIFP Imaxe e Son, na Coruña, un dos centros punteiros na ensinanzas do audiovisual en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CIFP Imaxe e Son, na Coruña, un dos centros de Formación Profesional de referencia nestas ensinanzas en Galicia, cuxas clases comezaron onte con 764 matriculados.

Román Rodríguez fixo un percorrido polas aulas especializadas e completamente equipadas como son as de Animación 3 D (de feito é un único centro de Galicia que oferta o grao superior de Animacións 3D, xogos e contornos interactivos), a zona de artes escénicas e teatro, os platós de gravación e fotografía e os estudos de gravación de son e dobraxe.

O conselleiro destacou a importante aposta da Xunta coa FP e de feito nos últimos dez anos a FP galega foi obxecto dunha profunda transformación e adaptación ás demandas do tecido socio produtivo así como aos novos retos dun mundo cada vez máis informatizado, interconectado e globalizado.

Ademais da implementación da oferta de ciclos formativos e a dotación infraestrutural para poder impartilos, cómpre destacar a aposta polo modelo plurilingüe no ámbito da Formación Profesional, coa implantación do PluriFP en 22 centros, 15 dos cales son de nova incorporación este ano, como é o caso do CIFP Someso e do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, ambos na Coruña.

Novidades FP para este curso

A Consellería de Educación ofertou para este curso na provincia da Coruña un total de 12.362 prazas en primeiro curso en centros públicos, nun total de 499 ciclos nas diferentes modalidades. No caso da modalidade de FP Dual haberá este curso 22 ciclos (9 de grao medio e 13 de grao superior) en toda a provincia. Concretamente na área da Coruña cómpre subliñar a incorporación da familia profesional Madeira e Moble con ciclos no CIFP Someso, centro que tamén suma a de Fabricación mecánica e a de Transporte e mantemento de vheículos; a de Informática e comunicacións con dous ciclos no IES Fernando Wirtz, a familia Marítimo-pequeira con 2 ciclos de grao medio no Ies Universidade Laboral de Culleredo.

Na visita o conselleiro estivo acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, entre outros.

18 de setembro de 2018 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.