publicidade hoxe

Francisco Conde Conde avanza a celebración de 105 obradoiros en 2018-2019 para impulsar a empregabilidade de 2000 persoas

Francisco Conde en San Cibrao das Viñas

Francisco Conde en San Cibrao das Viñas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe en San Cibrao das Viñas, durante a visita que realizou ao obradoiro de emprego Terra de mosteiros 2017, que Galicia contará, en 2018-2019, cun total de 105 obradoiros de emprego, para impulsar a empregabilidade de 2000 persoas na Comunidade.

En concreto, o Goberno galego destina un 25% máis que no período anterior. Por unha banda, son 23 obradoiros para menores de 30 anos aos que se destinan 3,4 millóns de euros e un total de 23,26 millóns de euros para a celebración dos obradoiros duais nos que participarán máis de 1600 alumnos dos 206 concellos beneficiarios. Deles, o 34,5% son emprendedores, porcentaxe que se sitúa preto do 60% se nos referimos á provincia de Ourense.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de alomentos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Trátase de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, resumiu Conde. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo o conselleiro, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.

Un exemplo desta aposta foi o obradoiro que hoxe visitou e que contou cun total de 20 alumnos que recibiron formación específica de albanelería ou xardinería e un contrato laboral para realizar actuacións en oito localidades diferentes da Mancomunidade de concellos de Ourense cun investimento global de preto de 280.000 euros. No caso concreto de San Cibrao das Viñas, os traballos consistiron na rehabilitación do parque de Pazos de San Clodio, o mantemento da área recreativa da Boutureira e a rehabilitación dunha senda verde. “Con estes obradoiros cumprimos un dobre obxectivo: obter unha maior empregabilidade dos nosos desempregados e facilitar a recuperación do patrimonio cultural e paisaxístico”, explicou.

Conde destacou a importancia da colaboración institucional para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza e insistiu en que o mellor exemplo son os Concellos emprendedores. Unha iniciativa paralela á Lei de implantación empresarial na que a administración autonómica e local colaboran para facilitar a tramitación administrativa, o acceso ao solo e para ofrecer unha mellor fiscalidade: “Estamos convencidos de que a colaboración é o camiño para unha maior formación, mellorar a inserción laboral e conseguir a implantación de industria e a captación de investimentos”, sinalou.

Os concellos adheridos obteñen prioridade nas axudas da Xunta destinadas a fomentar o emprego de calidade e a apoiar o emprendemento innovador, como o caso dos obradoiros de emprego. Neste sentido, Conde explicou que Ourense é o modelo a seguir xa que suma o 50% -44- dos Concellos Emprendedores de Galicia.

3 de setembro de 2018 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.