publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez avanza a posta a disposición dos veciños de Lugo de 4 novas vivendas e un local comercial rehabilitados mediante o investimento de medio millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, supervisou hoxe o inicio da rehabilitación de tres edificios na Tinería, cun investimento de medio millón de euros, que permitirán no outono do vindeiro ano poñer a disposición dos veciños 4 novas vivendas e un local comercial.

Os edificios obxecto das actuacións de rehabilitación que comezaron esta semana están situados nas rúas Recanto do Miño 11-13, Recanto do Miño 17 e Tinería 30.

Vázquez Mourelle subliñou que no momento no que o Concello conceda a licenza de obras, a Xunta tamén está en disposición de comezar xa as obras en Tinería 15, xa adxudicadas, cun orzamento duns 700.000 euros.

Concretou que paralelamente o Goberno galego avanza tamén no proxecto de urbanización e execución das vivendas do contorno do pazo de dona Urraca, a denominada zona UI-8.

O Executivo autonómico leva tempo traballando arreo na recuperación integral e a posta en valor desta zona histórica, polo que na Tinería existen 36 edificios totalmente rehabilitados, propiedade da Xunta, aos que hai que engadir as obras comezadas esta semana, ou cos 9 locais comerciais alugados ao Concello para poñelos á disposición.

Ethel Vázquez destacou a aposta do Goberno galego pola conservación, pola protección do noso patrimonio e pola revitalización deste conxunto histórico, xa que hai uns meses asinouse un convenio para actuar sobre a Casa-Torre, na rúa Rinconada do Miño, e o pazo de dona Urraca.

Trátase de continuar co labor de recuperación e posta en valor desta zona antiga, impulsando a rehabilitación integral e a promoción da actividade económica para que na Tinería residan novas familias e se asenten negocios.

A conselleira engadiu que a Xunta vai seguir investindo e adquirindo novos edificios para a súa rehabilitación, ao amparo do programa Rexurbe. Nestes momentos, en Lugo, estase a analizar toda a documentación achegada polos propietarios e cóntase coa compra de novos inmobles.

Concluíu que o investimento da Xunta no barrio da Tinería, en global, ascende a un total de máis de 28 millóns de euros, entre as actuacións executadas e as obras en marcha ou inmediatas.

14 de setembro de 2018 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.