publicidade hoxe

Cultura pon en valor o labor das bibliotecas públicas co I Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do I Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia, un certame co que o Goberno galego quere recoñecer os proxectos ou boas prácticas que busquen resultados positivos para a persoa usuaria, que sexan adecuados e pertinentes para o contexto local no que se atopan e que sexan sostibles no tempo e creativos.

Con este novo galardón, a Secretaría Xeral de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Bibliotecas, promove o traballo das bibliotecas e axencias de lectura de Galicia impulsando e dándolles visibilidade a iniciativas que melloren o acceso da cidadanía á cultura, á información e á educación libre e gratuíta. Dotado con 3.000 euros e un distintivo para os gañadores, o premio pon tamén en valor os cambios substanciais que se están a levar a cabo nas bibliotecas públicas co fin de satisfacer as necesidades das persoas usuarias.

Poderán presentarse ao premio todos aqueles centros que pertenzan á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e que teñan un proxecto –conxunto de actividades cun fin común, que se realizan para producir bens ou servizos que satisfagan necesidades ou resolvan problemas– ou boas prácticas –experiencia ou actividade concreta para mellorar unha situación determinada– que estean xa executados ou desenvolvidos no momento da convocatoria do concurso.

Áreas relacionadas

Os proxectos ou boas prácticas que opten ao premio teñen que estar relacionados coas áreas de aprendizaxe ao longo da vida; biblioteca dixital e redes sociais; cohesión e inclusión social; posta en funcionamento de servizos innovadores e/ou sustentabilidade ambiental.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 18 de outubro e as bases poden consultarse no DOG.

I Xornadas de Bibliotecas Públicas de Galicia

Ademais do certame, a Secretaría Xeral de Cultura pon en marcha este ano a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que, baixo o lema As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio, se celebrará o venres 26 de outubro no auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.

A xornada, organizada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas, está dirixida a profesionais bibliotecarios de toda a comunidade e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro na web http://rbgalicia.xunta.gal

18 de setembro de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.