publicidade hoxe

Clausura dos cursos de español para persoas inmigrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A deputada Digna Rivas, en Pontevedra, e o deputado Santos Héctor, en Vigo, clausurarán este martes 11 de setembro os cursos de español para persoas inmigrantes organizados pola Deputación. Nestes dous cursos participaron un total de 36 alumnos e alumnas con nacionalidades de 14 países diferentes, entre os que están Marrocos, Brasil, Kenia, Angola, Paquistán, Mali, Georgia, Costa de Marfil, Ucraína, Siria, Rusia, Senegal, Hungría e Nixeria.

Ademais, o luns 17 de setembro comezará o terceiro curso desta segunda edición no que participarán 16 alumnas e alumnos das nacionalidades anteriores e ás que se sumaría unha persoa procedente de Ghana. O curso terá lugar en horario de mañá, de 9.30 a 12.30 horas, na sede da Deputación en Vigo. E aínda que rematará o 2 de outubro, están fixadas dúas xornadas de repaso o 5 e o 6 de novembro antes de que as alumnas e alumnos realicen o exame oficial.

Estes cursos, que son gratuítos, están destinados a persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, e que precisen obter o nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes, requisito necesario para a adquisición da nacionalidade española. Para obtelo é necesario superar unha proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social.

Os cursos que promove a Deputación pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira). Son integramente subvencionados pola Deputación, incluíndo o custe de matrícula, e serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.

En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrante para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral. Os resultados dos exames realizados ata o momento foron moi positivos resultando que o 80,64% do alumnado superou a proba DELE do nivel A2, podendo deste modo solicitar a nacionalidade española.

10 de setembro de 2018 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.