publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ángeles Vázquez destaca o papel do Leader e dos GDR na dinamización socioeconómica do agro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCariñoLocal PortadaMugardosSan Sadurniño
A-
A+
Visita da conselleira de Medio Rural

Visita da conselleira de Medio Rural

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, realizou hoxe un percorrido por diferentes proxectos financiados polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura no marco do programa Leader. En concreto, achegouse ata os concellos coruñeses de Cariño, San Sadurniño e Mugardos.

No primeiro caso, visitou a Casa de Cultura de Cariño, na que se levaron a cabo traballos de mellora da accesibilidade, consistentes na dotación dun ascensor e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Esta iniciativa supuxo un investimento de preto de 80.000 euros, cunha axuda de algo máis de 58.000 euros.

A continuación, a conselleira –que estivo acompañada nestas visitas polo director de Agader, Miguel Pérez Dubois– desprazouse ata San Sadurniño, onde supervisou a mellora integral dos xardíns do Pazo da Marquesa. Neste caso, os labores centráronse na instalación dun parque infantil e zona de xogos tradicionais, nivelación do terreo e colocación de bancadas, entre outros, co fin de dotar a esta localidade dun espazo público multipropósito, que ademais de funcionar como parque poderá acoller actos culturais, musicais ou deportivos, permitindo mesmo a celebración de feiras e mercados con produtos locais. O investimento superou os 57.000 euros, cunha subvención de 32.000 euros.

A visita da conselleira e o director de Agader rematou en Mugardos. Alí coñeceron o novo comedor escolar do CEIP Santiago Apóstol, na parroquia de Franza, que foi habilitado grazas aos fondos do Leader, cun investimento de algo máis de 28.000 euros e unha axuda de 19.000 euros.

Ángeles Vázquez destacou durante este percorrido a importancia da iniciativa Leader na dinamización económica e social do medio rural galego. Referiuse, en particular, aos proxectos de carácter non produtivo –como os visitados hoxe– que contribúen, dixo, a mellorar a calidade de vida dos veciños do agro.

Estas iniciativas compleméntanse con outras de carácter produtivo, máis centradas en apoiar empresas, tanto para a posta en marcha de novas como para a mellora das xa existentes, de forma que se reforza o tecido económico e empresarial no medio rural da nosa comunidade.

GDR Seitura

As achegas para estes tres proxectos foron xestionadas polo GDR 24 Seitura, constituído en 2016 e que ten como ámbito de actuación 22 concellos do norte da provincia da Coruña. Este grupo financiou no período 2017-2018 un total de 17 proxectos, cun investimento de 1,8 millóns de euros e axudas por un valor que superou os 876.000 euros.

Na convocatoria de 2018-2019 este grupo de desenvolvemento rural manexa un orzamento de algo máis de 700.000 euros en axudas, para un investimento previsto de 1,9 millóns de euros. Polo de agora, aprobáronse xa un total de 39 proxectos na súa área de influencia.

17 de setembro de 2018 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.