publicidade hoxe

A Xunta promove a creación de novas empresas no eido da cultura cos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia convoca a sexta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso que impulsa o desenvolvemento de ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais en Galicia. Nesta edición, os premios repártense en dúas categorías: proxectos en internet e desenvolvemento de aplicacións informáticas no sector cultural e proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica.

Os galardóns inclúen a incorporación gratuíta durante doce meses ao Coworking do Centro de Emprendemento Cultural e Creativo e un premio en metálico de 3.000 euros para cada proxecto gañador. Coa súa integración no Coworking Gaiás, os emprendedores e emprendedoras accederán a un programa de titoría personalizado que lles servirá de guía para desenvolver a súa idea e disporán dun espazo dotado de todos os servizos e prestacións necesarias para a posta en marcha dos seus proxectos. Ademais, poderán asistir ás actividades de formación gratuítas promovidas pola Cidade da Cultura de Galicia e mesmo poderán facer intercambios con outros espazos de co-traballo de ámbito internacional cos que a Cidade da Cultura teña convenio.

Para deseñadores, ilustradores e programadores

O prazo para a presentación de candidaturas aos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco está aberto ata próximo o 18 de outubro. A convocatoria diríxese a deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores e calquera outra persoa vinculada ao emprendemento cultural que queiran desenvolver a súa actividade en Galicia. Poderán participar de maneira individual ou en equipo sempre que non iniciasen actividade profesional ou empresarial para desenvolver a súa idea emprendedora nos seis meses anteriores á adxudicación dos premios.

Xunto coa súa solicitude, deberán presentar a documentación acreditativa de todas as persoas implicadas no proxecto e unha memoria na que se explique de maneira detallada en que consiste a súa idea emprendedora, o plan de viabilidade para facela realidade, o valor engadido que achega ao ámbito cultural e creativo en Galicia e unha descrición do grupo de traballo, destacando a súa experiencia previa e formación. As bases do concurso e a solicitude de inscrición están dispoñibles en cidadedacultura.gal.

A presentación realizarase preferiblemente por vía electrónica da sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, a documentación complementaria poderá entregarse de maneira presencial no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia ou por correo postal dirixido á Fundación.

Innovar no ámbito da cultura

Con esta nova edición, os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco consolídanse como unha das liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento. Desde a súa primeira convocatoria no ano 2013, os galardóns favoreceron a posta en marcha de catorce proxectos que apostan por innovar con produtos e servizos no ámbito da cultura.

Entre as propostas gañadoras nos últimos anos hai unha aplicación móbil para dar a coñecer a pequenos produtores –I’m local–, unha empresa dedicada á fabricación de xoguetes infantís e recursos didácticos con cartón para docentes e familias –Kandoro–, dúas plataformas online, unha dirixida á compra-venda de arte entre particulares e artistas –WCube– e outra destinada a conectar a profesionais do sector musical para a produción e difusión de eventos –Soundslikemarket–, e un proxecto que combina a impresión 3D co mundo da repostería –Cake Artist–.

O emprendemento figura, xunto coa tecnoloxía e a cultura, como un dos tres eidos nos que opera a Cidade da Cultura de Galicia. Neste sentido, o Centro de Emprendemento Cultural e Creativo do Gaiás programa máis de cen actividades cada ano dirixidas á comunidade emprendedora galega e acolle, na actualidade, a 350 persoas que están impulsando proxectos innovadores. Este centro ofrece un espazo de coworking e un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Telefónica, HP ou Vodafone, en colaboración coa Amtega, están desenvolvendo proxectos de apoio a start ups galegas.

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, a biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, temas de medicina ou históricos, relixiosos, políticos e literarios– forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

17 de setembro de 2018 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.