publicidade hoxe

A Xunta pedirá personarse no caso do Marisquiño para reclamar os 200.000 euros en custos sanitarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
Intervención de Alfonso Rueda

Intervención de Alfonso Rueda

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, revelou hoxe que a Administración autonómica pedirá persoarse na causa do Marisquiño para reclamar os 200.000 euros en custes sanitarios que se derivaron do accidente. O obxectivo é que se aclaren as pertinentes responsabilidades e que esta contía sexa asumida por quen a xustiza determine culpable do sinistro.

Rueda compareceu hoxe no Parlamento galego a petición propia para dar conta dos feitos acaecidos e das actuacións levadas a cabo en relación co accidente do pasado 12 de agosto, e mostrou o seu apoio á investigación xudicial.

Na súa intervención, tivo un recordo para os 467 feridos e mostrou o seu apoio, ánimo e afecto para eles. Ao mesmo tempo, agradeceu o labor desenvolvido polos diferentes corpos de seguridade e atención ás emerxencias, así como a colaboración dos particulares que se achegaron ao paseo, e relatou que dende que entrou a primeira chamada no 112 Galicia foron mobilizados SASEMAR, 061, SPEIS Vigo, Policía Nacional, Policía Local, Gardacostas, Garda Civil, e Protección Civil de Vigo e doutros concellos limítrofes.

Segundo detallou o vicepresidente, os medios mobilizados foron 5 UVIs, 2 equipos PAC Vigo, 36 ambulancias, 3 vehículos de apoio loxístico e 3 ambulancias de Cruz Vermella. Ademais, instalouse na zona un posto de mando médico, cun punto de triaxe inicial para os feridos. Segundo a gravidade, 2 foron vermellos, 7 amarelos, 64 verdes e houbo 24 altas. Os restantes feridos acudiron polo seu propio pé aos centros sanitarios.

Á cabeza da coordinación deste dispositivo sanitario estivo durante toda a madrugada o conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, presente no servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro xunto ao xerente da EOXI de Vigo.

Ao mesmo tempo, Rueda lamentou en base á documentación coñecida ata agora, que no Marisquiño non se cumprira coas obrigas marcadas pola Lei de Espectáculos e recordou que o Concello de Vigo non exerceu a súa competencia de inspección e control sobre o evento nin concedeu a licencia, que era obrigatoria.

11 de setembro de 2018 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.