publicidade hoxe

A Xunta intensifica a colaboración cos concellos para reforzar os servizos e programas sociais de proximidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continuou na xornada de hoxe coa rolda permanente de xuntanzas cos responsables das corporacións locais co obxecto de afondar na colaboración entre administracións na procura do desenvolvemento dos mellores servizos, recursos e programas na área de benestar. Así, esta mañá entrevistouse co primeiro edil de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, con quen abordou entre outras cuestións as liñas de subvención que teñen a disposición os concellos no eido da inclusión.

O conselleiro e o alcalde acordaron traballar nunha estratexia conxunta para colaborar na área de inclusión e para a apertura de novos servizos en materia de infancia. Rey Varela explicou que o seu departamento autonómico vén de publicar unha nova orde de axudas aos entes locais para este ano e 2019 que incrementa en máis dun 15% a contía da anterior, acadando os 6,3 millóns de euros. Esta convocatoria permite o financiamento de investimentos en centros de inclusión e emerxencia social, así como programas a desenvolver polas corporacións municipais para a inclusión da poboación xitana, inmigrantes e outras persoas en risco de exclusión.

Ademais, ambos mandatarios repasaron diferentes actuacións en materia social que recentemente se levaron a cabo nesta vila pontevedresa. En concreto, o conselleiro apuntou que no presente exercicio incrementouse nun 43% as horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a atención de persoas dependentes do municipio, sendo o aumento acumulado nos últimos tres anos do 65% o que permite ao concello de Vilagarcía de Arousa contar cun total de 21.800 horas anuais habilitadas desta prestación.

Por último, no que atinxe á mellora dos servizos de proximidade, Rey Varela destacou a incorporación dun novo educador social aos servizos socio-comunitarios básicos do concello con cargo ao Plan Concertado do ano pasado, pasando estes a contar con oito profesionais. Rey Varela e o rexedor de Vilagarcía de Arousa amosaron a súa disposición a continuar neste camiño de colaboración e coordinación entre institucións na procura de contar coas mellores políticas sociais e prestar uns servizos de calidade.

11 de setembro de 2018 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.