publicidade hoxe

A Xunta difunde os produtos do mar galegos na Feira Seafood Expo Asia de Hong Kong

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Os produtos do mar de Galicia están presentes por segundo ano na Seafood Expo Asia, que celebra a súa novena edición e que alberga entre hoxe e o seis de setembro o Hong Kong Convention-Exhibition Centre, no distrito de Wanchai, en China. Alí a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, está hoxe e mañá para apoiar ás seis empresas galegas do eido da pesca que se promocionan neste evento da man da Xunta.

O posto co que conta a Xunta de Galicia nesta feira alberga ás empresas Galician Marine Aquaculture, Pescados Rubén, Congelados Noribérica, Peixemar, Copemar e Anfaco-Cecopesca e conta con 126 metros cadrados de superficie. Ademais nel hai a disposición dos visitantes un sistema de realidade virtual co que poden afondar na Galicia marítima. Este sistema xa se utilizou noutras feiras e tivo moi boa acollida por parte dos visitantes. Grazas a el os usuarios poden coñecer o traballo do marisqueo, dos percebeiros e navalleiros e tamén de modalidades de pesca como o cerco. Ademais poden descubrir como é unha batea.

En canto á Seafood Expo Asia, a directora xeral destacou o valor do lugar no que se celebra, pois Hong Kong importa o 90% dos peixes e mariscos que consume. Neste sentido, incidiu na importancia estratéxica que ten para Galicia estar presente nesta feira, pois é un escaparate para promover a comercialización de produtos de calidade como os galegos no mercado asiático.

Ademais Mercedes Rodríguez puxo en valor a importancia da realización de accións de promoción, como a asistencia a feiras nacionais e internacionais para difundir os produtos do mar e o saber facer de Galicia neste eido máis alá das nosas fronteiras, sinalou.

Con este obxectivo, no marco da feira Seafood Expo Asia, as empresas galegas protagonizan demostracións gastronómicas e degustacións. Así, hoxe celebráronse diferentes demostracións gastronómicas no espazo Demostration Theater, que incluíron presentacións das distintas empresas e showcookings realizados polos chefs Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro (Santiago), e Emma Pinal, de Gastrobar o Birrán (Rivadabia), que fusionaron ingredientes de oriente e de occidente nas súas elaboracións e enxalzaron a calidade, as propiedades nutritivas e a versatilidade gastronómica dos produtos comercializados por empresas galegas que participan neste evento. A estas demostracións asistiu o Cónsul general de España en Hong Kong, Miguel Bauzá.

A maiores, no posto da Xunta, tamén se celebra hoxe unha degustación de abalón fresco a cargo de Galician Marine Aquaculture e mañá este posto albergará outras tres degustacións con receitas que tamén elaborarán os chefs Kike Piñeiro e Emma Pinal. Unha de mexillón, lubina, bacallao e rodaxa de quella, de Congelados Noribérica; outra de conservas de atún, mexillóns e sardinillas, de Anfaco-Cecopesca, e a terceira será de lura, pota e peixe reloxo alaranxado, a cargo de Copemar. Por último, o xoves, o posto da Xunta albergará unha cata de lombos de pescada e cogombro de mar, ofrecida por Pescados Rubén.

A Seafood Expo Asia

A Seafood Expo Asia é unha feira anual que se celebra en Hong Kong, un destino estratéxico situado a menos de catro horas dos puntos neurálxicos de negocios máis importantes de toda Asia, de aí que se celebre neste lugar. Está considerada como a homóloga da Seafood de Bruxelas para o mercado asiático. É unha feira que ascende ano tras ano no seu posicionamento, converténdose nun referente para todas aquelas empresas do sector que teñen entre os seus obxectivos a introdución dos seus produtos no mercado asiático. Na pasada edición da feira participaron un total de 240 empresas coexpositoras de 30 países.

4 de setembro de 2018 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.