publicidade hoxe

A Xunta destinou este verán máis de 400.000 euros para a posta a punto dos centros educativos en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o EEI Concepción Crespo Rivas da capital da provincia co obxectivo de comprobar o remate dos traballos de cambio de carpintería exterior.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, a directora do centro e por responsables da Unidade Técnica de Educación.

José Manuel Cores Tourís explicou que “Educación investiu nesta mellora máis de 60.000 euros co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética deste emblemático centro de Educación Infantil de Pontevedra”.

Os traballos consistiron no cambio da carpintería exterior anterior, que era de aluminio anonizado e cristal simple, o que provocaba a entrada de aire dende o exterior, provocando que o gasto en calefacción fose moi elevado, non garantindo un aceptable confort térmico.

A nova carpintería é de aluminio lacado, con ponte térmico, mainel superior e inferior, guías e recercado. Tamén se instalaron persianas térmicas e se levou a cabo un repintado das áreas melloradas.

Posteriormente, o delegado territorial tamén comprobou o remate dos traballos de reforma da instalación eléctrica realizados nas últimas semanas no CEIP Álvarez Limeses. En total, nesta obra investíronse por parte da Consellería de Educación, case 25.000 euros.

Nas últimas semanas, Educación puxo en marcha diversas obras de mellora e reforma nos centros da cidade do Lérez, co obxectivo de atender as necesidades máis urxentes dos colexios e os institutos da cidade. Deste xeito, destináronse máis de 400.000 euros na reforma da instalación eléctrica do CEIP de Barcelos e do Álvarez Limeses; no CEIP Vilaverde-Mourente, cambiouse tamén a instalación eléctrica e se levou a cabo uha rehabilitación integral enerxética, a mesma que se executou no CEIP Campolongo. No CEIP de Cabanas cambiouse a cuberta do patio infantil, ampliouse a aula de música do CEIP de Campañó e continuouse coa execución dun patio inclusivo no CEIP de San Martiño.

No EEI Fina Casalderrey instaláronse novos falsos teitos, así como ramplas no CEIP de Marcón e executouse o comedor de San Benito de Lerez en colaboración co concello de Pontevedra. Finalmente no CEIP da Xunqueira I realizáronse diversas obras de mellora e na Xunqueira II instaláronse novas ventás.

Nos centros de Secundaria, realizáronse varias obras no IES Sánchez Cantón, melloráronse aseos no Valle Inclán e executouse a separación de augas pluviais e fecais no Torrente Ballester.

José Manuel Cores Tourís recordou que a Consellería de Educación leva investidos máis de 7,4 millóns de euros nos centros de Primaria e Secundaria da cidade de Pontevedra nos últimos anos, con obras tan importantes como a ampliación do CIFP Carlos Oroza, o cambio de cuberta no IES Sánchez Cantón e do Torrente Ballester, a ampliación do CIFP A Xunqueira, a rehabilitación do CEIP Campolongo e do Vilaverde Mourente, e a reforma do CEIP Froebel, entre moitas outras.

4 de setembro de 2018 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.