publicidade hoxe

A Xunta destina 1,1 millóns de euros a impulsar a posta en marcha de 18 empresas non agrarias no rural lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia destina 1.095.500 euros a apoiar a posta en marcha de 18 proxectos empresariais na provincia de Lugo, a través dun programa pioneiro para apoiar a diversificación produtiva no rural mediante a implantación de empresas que non sexan propiamente agrícolas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega de media preto do 57% do investimento subvencionable que realizan os emprendedores, que suma preto de 2 millóns de euros.

Esta iniciativa pretende facilitar a creación de emprego mediante actividades relacionadas tanto co sector servizos como coa industria, que parten de autónomos, microempresas e pequenas empresas no ámbito rural. A Consellería vén de resolver a segunda edición do programa, que na provincia de Lugo facilitará a posta en marcha de novos negocios en Pol, Cospeito, A Pastoriza, Riotorto, Meira, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Ribadeo, Sarria, Viveiro e Pantón.

A axuda consiste nunha contía que vai dos 20.000 aos 70.000 euros e o programa está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020. Trátase de axudas de concorrencia competitiva para a execución dun plan empresarial ou de negocio que teña unha duración de 18 meses.

Por proxectos, o de maior investimento na provincia é o dun supermercado en Monforte de Lemos (305.000 euros), seguido por unha academia en Mondoñedo (195.000 euros), unha vivenda comunitaria para maiores en Cospeito (152.000 euros) e apartamentos turísticos en Ribadeo (149.000 euros).

O programa Galicia Rural Emprende súmase ao amplo catálogo de servizos, ferramentas e instrumentos de apoio habilitados pola Xunta no marco da Lei do Emprendemento e que inclúe o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, o programa Galicia Emprende, a Rede Galega de Investidores particulares ou a Rede Galega de Mentores.

Do mesmo xeito, a iniciativa enmárcase no Programa de formación e emprendemento no rural activado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes. Así, a Xunta conta con outras accións para acadar este obxectivo, como a formación á porta, a formación en industrias forestais, a posta en marcha de obradoiros duais de emprego, o desenvolvemento de coworkings no rural, ou a creación dos primeiros laboratorios cooperativos.

13 de setembro de 2018 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.