publicidade hoxe

A Xunta destaca a importancia da formación sobre contratación pública para lograr unha administración máis transparente e eficiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos destacou hoxe a importancia da formación sobre contratación pública para lograr unha Administración máis transparente e eficiente.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) iniciou esta mañá, en colaboración co Consello de Contas de Galicia, o curso superior A fiscalización e a nova Lei de contratos do sector público, que durante dous meses formará a 80 empregados da Administración nas principais novidades introducidas pola norma, centrándose en aspectos de auditoría e control económico-financeiro.

Ao acto de inauguración desta actividade asistiron o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. Esta última destacou durante a súa intervención o esforzo realizado pola Escola para achegar a todos os empregados públicos galegos unha formación actual e de calidade naquelas áreas que revisten maior novidade dentro do sector público, tanto a través do plan de formación continua anual coma a través de cursos superiores, monográficos e xornadas.

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos incidiu no papel esencial que xogan as escolas de Administración pública ante novidades normativas de tanto calado coma a Lei de contratos do sector público, xa que tanto a súa complexidade como a súa relevancia fan imprescindible reforzar a formación neste eido. Esta nova norma- resaltou- foi aprobada coa vocación de establecer un novo marco regulador do sistema de contratación pública o cal servirá para lograr unha Administración máis eficiente e transparente.

O curso superior sobre a fiscalización e a nova Lei de contratos do sector público reunirá durante as próximas semanas en Santiago de Compostela aos principais expertos na materia procedentes do ámbito académico e profesional, co fin de analizar as principais novidades introducidas pola Lei e propiciar o debate ao redor daqueles aspectos máis innovadores desde o punto de vista xurídico e da xestión pública.

17 de setembro de 2018 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.