publicidade hoxe

A Xunta cofinancia seis espectáculos da nova carteleira do Teatro Principal de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+

O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a súa nova carteleira cuadrimestral, que inclúe ata finais de decembro as representacións de seis espectáculos escénicos como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

En concreto, serán as funcións das compañías galegas Arte’n’rúa, que presentará o espectáculo do mesmo nome o 25 de novembro, e as que se desenvolverán no marco da programación infantil especial para o Nadal: Caramuxo Teatro, que estará o 27 de decembro coa obra Ela, unha homenaxe á pintora Maruxa Mallo; Eme2 Emoción &Arte, que porá en escena o 28 de decembro Contacreques; e Tanxarina Títeres, que chegará o 29 de decembro con A galiña azul, a emblemática peza de Carlos Casares.

Ademais destas propostas galegas, de fóra da nosa Comunidade virán a través da RGTA a compañía Factoría Unahoramenos co espectáculo Tal vez soñar (25 de novembro) e Ron Lalá con Crimen y Telón (21 de decembro).

Así o especificou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación levada a cabo en Ourense xunto con Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, e Olga Mojón, directora do teatro. Sutil destacou que o Teatro Principal ourensán é un activo membro da RGTA desde a fundación deste circuíto hai máis de 20 anos. “A colaboración estreita que existe entre os responsables deste espazo e a Xunta de Galicia tradúcese nun intenso e continuado funcionamento deste escenario, o que contribúe á finalidade común de acadar a máxima difusión das artes escénicas na nosa Comunidade”, declarou.

Un circuíto no que participan 87 formacións galegas

O director da Agadic lembrou as cifras de actividade da RGTA para o presente ano. O circuíto, do que forman parte 39 concellos galegos, iniciou xa no mes de agosto o seu segundo período de programación anual, para o que están previstas 255 citas culturais a cargo de 97 formacións artísticas (87 delas, galegas). Isto supón que, cando remate o ano, esta Rede terá promovido no noso territorio un total de 601 funcións (de teatro, danza, novo circo, maxia ou narración oral) cun orzamento global de 1,63 millóns de euros achegados entre a Xunta de Galicia e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.

Ademais das propostas das que o público ourensán poderá gozar a través da RGTA, a nova programación do Principal de Ourense complétase cun amplo calendario de espectáculos escénicos e musicais. Así, a primeira convocatoria será o 20 de setembro cun recital a cargo da Kammer Philarmonie Koln e un programa integrado por Vivaldi, Mozart e Paganini. A este concerto seguiranlle as montaxes de compañías e intérpretes recoñecidos a nivel estatal, tales como El funeral, con Concha Velasco e Antonio Resines (21 de setembro), Los Dedae con Black Apple (27 de setembro), Todas las noches de un día, con Carmelo Gómez e Ana Torrent (30 de setembro), a peza dirixida por Daniel Veronese Todas las mujeres (6 de outubro), Iphigenia en Vallecas, por El Pavón Teatro Kamikaze (21 de outubro), a produción do Teatro Español Un tercer lugar (3 de novembro) ou a de Histrión Teatro La correspondencia personal (2 de decembro).

5 de setembro de 2018 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.