publicidade hoxe

A orde de axudas para plans de mellora e incorporación de mozos nas explotacións agrarias mobilizou na provincia da Coruña un investimento de 22M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe no concello de Cerceda a explotación Horta da Lousa, xestionada por Néstor Liñares, un mozo que deixou o seu traballo de informático para apostar polo desenvolvemento da horta familiar, da que saen unhas 100.000 leitugas e 40.000 quilos de tomate dos 8.000 metros cadrados de invernadoiro e 15.000 metros ao aire libre. Nesta explotación traballan dúas persoas da unidade familiar en conta con outros tres empregados.

A Xunta de Galicia apoiou o crecemento desta explotación mediante unha achega da orde de axudas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións. No total provincial, a Consellería do Medio Rural apoiou o ano pasado con esta orde a 294 explotacións agrarias da provincia da Coruña, achegando axudas que suman 12.020.488,8 euros, dos que preto de 9 millóns foron en subvencións para plan de mellora e 3,1 para axudas para a incorporación de 112 mozos ás actividades agrarias e gandeiras. Contando co esforzo financeiro das propias explotacións, esta orde de axudas significou un investimento no agro de máis de 22 millóns e medio de euros.

Entre os gastos subvencionables por esta orde están a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licenzas, plantación e mellora de cultivos, compra de novos terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos. Ademais, nesta orde tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións.

Neste senso, o delegado territorial destacou que a Xunta de Galicia publicou por primeira vez este ano unha orde de axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal dotada cun orzamento de catro millóns de euros, á que pretende acollerse Horta da Lousa. Ovidio Rodeiro dixo que con esta medida “dáse así cumprimento ao compromiso co sector, para sacar adiante unha convocatoria de subvencións específica para a horta e a planta ornamental, de xeito que non teñan que competir con outros sectores máis potentes en Galicia como o lácteo ou cárnico”.

6 de setembro de 2018 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.