publicidade hoxe

A escola infantil da rede a Galiña Azul en Dodro inicia o curso coas súas instalacións renovadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodroLocal Portada
A-
A+
Perfecto Rodríguez na visita á escola de Dodro

Perfecto Rodríguez na visita á escola de Dodro

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou esta mediodía a escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” no concello coruñés de Dodro, logo das importantes obras de mellora acometidas no centro e que xa están rematadas.

A reforma supuxo un investimento total de 178.000 euros, dos que 160.000 foron destinados ás obras de mellora e 18.000 máis ao novo equipamento. A actuación foi acometida polo Concello de Dodro, pero a administración autonómica compensará posteriormente o seu importe nas liquidacións anuais que o municipio debe pagar ao Consorcio por ese centro, segundo o modelo de co-financiamento establecido no Acordo Marco asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que permite mellorar as instalacións e o servizo nos centros da “Galiña Azul”, sen custo engadido para os concellos.

As obras de mellora neste centro o converteron nun edificio sustentable, tanto no que se refire aos materiais, como dende o punto de vista social e enerxético, instalando entre outras cousas caldeiras de biomasa que empregarán pellets producidos na zona, bombillas tipo led e tubos de luz para a iluminación, ou reciclando a auga da chuvia, que será depurada e reutilizada nas cisternas de descarga dos aseos ou para o rego da parcela.

Xunto coa contribución ao medio ambiente e aforro que producirán eses cambios, a escola infantil de Dodro ofrecerá agora tamén mellores condicións na prestación do servizo aos nenos por mor do cambio da cuberta da escola e dos novos sistemas de illamento na propia cuberta e nas fachadas na zona de actuación. Tamén se introduciron melloras nos sistemas de seguridade: portas con anti-pilladedos e sistema de protección nas paredes con revestimento multi-capa.

A escola infantil de Dodro oferta este ano 41 prazas e arranca o curso 2018-2019 con 28 nenos, malia que neste momento xa conta con 6 solicitudes máis de praza na convocatoria extraordinaria de matrícula do mes de setembro, alumnos que se incorporarán ao centro a principios do mes de outubro.

11 de setembro de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.