publicidade hoxe

A Deputación da Coruña convida aos centros educativos a participar no programa de turismo escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Nun novo inicio de curso, a área de Turismod a Deputación da Coruña convida aos centros educativos e aos propios concellos a participar nas actividades do programa de Turismo Escolar, encamiñado a que nenas e nenos coñezan o patrimonio natural, histórico e artístico da Coruña.

A Área de Turismo da Deputación convida a participar no programa dirixido a escolares de entre 4 e 16 anos, nas visitas para coñecer o patrimonio cultural e natural cunha oferta de cinco rutas que van da pegada romana no Mandeo ás testemuñas de pedra no Castelo de Vimianzo, pasando polo achegamento á tradición da olería en Buño. A esta oferta deseñada pola deputación incorporáronse recentemente os recursos ofertados polos concellos.

Rutas e recursos no territorio

As rutas propostas pola Deputación camiñan por algúns dos máis interesantes destinos para vivir a historia e coñecer o patrimonio máis próximo. En “Testemuñas de pedra” percorrerán o Pazo das Torres do Allo e o Castelo de Vimianzo, “Ritual e tradición”, nace coa idea de coñecer a tradición da olería no Ecomuseo Forno do Forte en Buño e a historia no Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños. De escolleren a ruta “Romanos no Mandeo” visitarán o Centro de Interpretación de Teixeiro (Curtis) coa súa dupla función, divulgativa, a través do centro de interpretación, e formativa, xa que o centro acolle cursos, obradoiros e serve como albergue. Por último, “O segredo do Eume”, ofrece rutas que atravesan o corazón das Fragas do Eume, e que lles permitirá aos pequenos descubrir a historia do Mosteiro de Caaveiro e “O bosque animado”, que percorre o Pazo de Mariñán e a Casa de Wenceslao Fernández Flórez autor da obra do mesmo nome localizada ao redor da súa casa, ás portas do encoro de Cecebre.

As propostas están abertas a que cada centro de ensino introduza modificacións no itinerario e mesmo combine os máis apropiados para os seus intereses educativos.

“O programa de turismo escolar supón unha iniciativa para dar a coñecer o patrimonio as novas xeracións, con itinerarios que son formativos e divertidos ao tempo, con experiencias singulares que formarán parte da súa memoria e contribuirán a crear turistas conscientes e cos ollos abertos aos recursos naturais e artísticos”, sinala o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

O Museo etnográfico da Capela, a ecoescola das Pontes, Santo André de Teixido en Cedeira, o castelo de Moeche, o Museo do Mar de Laxe, o Museo do Humor de Fene, a ruta Pondaliana, a Fraga do Eume en Pontedeume, o Muíño de mareas de Muros, a Casa Museo de Manuel Antonio ou a horta de froitas autóctonas en San Sadurniño son algúns dos setenta recursos que se incorporan á oferta despois de que a Área de Turismo da Deputación convidara aos concellos a sumar os seus recursos históricos, patrimoniais e naturais ao catálogo de Turismo Escolar que se lles ofrece aos distintos centros de ensino da provincia.

10 de setembro de 2018 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.