publicidade hoxe

A compañía galega de danza La Macana estrea en Alemaña o seu espectáculo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O Theater im Pumpenhaus de Münster (Alemaña) acollerá mañá venres a estrea de Pink Unicorns, o novo espectáculo de danza creado pola compañía galega La Macana en coprodución coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia.

Realizado en colaboración co coreógrafo de orixe alxeriana Samir Akika, o punto de partida da nova proposta de La Macana responde ao reto de poñer en escena un pai co seu fillo adolescente O primeiro, un galego de orixe cubana que na súa ampla experiencia como bailarín nunca tivo que enfrontarse a un maior desafío que bailar cun compañeiro tan próximo. Pola outra banda, un espléndido, atlético e creativo rapaz de catorce anos, cheo de enerxía e de ganas de confrontar a súa perspectiva millennial co seu querido proxenitor.

Ademais do apoio da Agadic a través do Centro Coreográfico Galego, Pink Unicorns conta coa complicidade de dúas importantes institucións dedicadas á danza en Alemaña: o Theater im Pumpenhaus, onde levará a cabo as funcións inaugurais o 7 e o 8 de setembro, e o Theater Bremen, que recibirá a montaxe o 13 e 14 de outubro.

En Galicia poderá verse o 20 de outubro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, espazo que tamén participa no proxecto.

La Macana foi fundada no ano 2009 polos creadores e intérpretes Caterina Varela e Alexis Fernández. As colaboracións continuadas con outros artistas e a proxección internacional das súas propostas son dous dos pilares fundamentais sobre os que esta formación constrúe os seus espectáculos.

Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; e Corps Sonore, de SóLODOS son os tres proxectos coreográficos que foron seleccionados na última convocatoria para participar no programa de coproducións 2017-2018 da unidade de danza da Agadic. Todos eles sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas desde diferentes perspectivas.

6 de setembro de 2018 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.