publicidade hoxe

19 casas de turismo rural da provincia de Ourense ofrecen 38 menús diferentes no Outono Gastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe en Ourense a 12ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural que comeza mañá, 14 de setembro e que se desenvolverá ata o 16 de decembro. Díaz Mouteira destacou a aposta que realiza Turismo de Galicia “por dinamizar o turismo no eido rural e a promoción da nosa enogastronomía” a través desta iniciativa que agrupa 19 establecementos da nosa provincia, dos 86 participantes de toda a comunidade. Esta nova edición permite gozar aos visitantes que se acheguen a provincia ourensá de 38 menús diferentes e pernoitar nas casa rurais adheridas durante as fins de semana.

Na rolda de prensa, a delegada territorial estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo, do xefe da área provincial de Turismo, Cecilio Santalices, e de representantes dos establecementos participantes.

Marisol Díaz explicou que o programa ten por obxectivo tamén favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais da provincia. Así mesmo, lembrou o éxito do Outono Gastronómico en Turismo Rural que ao longo de 11 edicións suma preto de 60.000 participantes e foi recoñecido na Feira Internacional de Turismo Fitur 2016 como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Enogastronomía.

Opcións a elixir

O Outono Gastronómico en Turismo Rural, con prezos moi competitivos, ofrece opcións que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estadía. Estarán dispoñibles todas as fins de semana, agás ás do 12 ao 14 de outubro e 7 ao 9 de decembro:

– A oferta Menú Outono Gastronómico, deseñada exclusivamente para esta ocasión, inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños das distintas denominacións de orixe galegas e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.

– Tamén se ofrece a posibilidade do Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú Outono gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta segunda modalidade prevé un menú por persoa máis aloxamento e almorzo, a escoller entre a noite de venres ou sábado. O prezo é de 120 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 80 euros para unha persoa en cuarto individual.

– Outra das opcións é gozar da Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento, na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 140 para unha persoa en cuarto individual.

– E se se quere compartir coa familia unha fin de semana, existe a Fin de semana familiar Outono Gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo será de 300 euros.

Díaz Mouteira destacou que, como en edicións anteriores, hai guías divulgativas á disposición do público, que poderán atoparse nos establecementos participantes e en edificios públicos, entre eles as oficinas de turismo. A información relativa a este programa está ademais dispoñible en internet, tanto na web turismo.gal como na páxina outonogastronomico2018.com

Ademais, para reforzar este programa Turismo de Galicia ten convocado un concurso ata o vindeiro domingo, 16 de setembro, para que os que desexen participan elixan o prato favorito de entre os que figuran nos menús da guía deste ano. O premio consistirá nunha fin de semana Outono Gastronómico para 2 persoas nunha das casas rurais participantes nesta promoción.

A delegada territorial resaltou as cifras da evolución turística na provincia, que reflicten que nos sete primeiros meses do ano a provincia de Ourense recibiu máis de 200.000 viaxeiros que fixeron máis de 381.000 noites na oferta turística regrada. Con estas cifras Ourense é a na provincia galega cunha mellor evolución durante este ano. Díaz Mouteira engadiu que, neste contexto de consolidación turística, se observa que os establecementos de turismo rural están a ser os máis beneficiados nesta provincia, cun incremento dun 19% na súa demanda nestes sete primeiros meses do ano e de máis dun 6% só no mes de xullo.

13 de setembro de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.