publicidade hoxe

Xunta, Fegamp e Colexio Oficial de Psicoloxía promoven unha campaña para previr as agresións sexuais nas festas populares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
A secretaria xeral da Igualdade en rolda de prensa

A secretaria xeral da Igualdade en rolda de prensa

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación dunha campaña para previr as agresións sexuais nas festas populares, impulsada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e a Xunta. No acto tamén participaron o presidente da Fegamp, Alfredo García, e a presidenta do Colexio Oficial de Psicoloxía, Rosa Álvarez.

A campaña leva por lema “De troula con sentido” e incluirá cartelería con varios consellos para previr a violencia sexual. Ademais, anima ás persoas que sufran ou presencien algunha agresión sexista a denuncialo aos teléfonos de emerxencia e ás forzas e corpos de seguridade. O cartel estará dispoñible a partir do luns e os concellos poderán descargalo e personalizalo.

O obxectivo é seguir concienciando á cidadanía sobre o respecto e a igualdade, especialmente en ambientes festivos onde se pode rexistrar unha maior incidencia de comportamentos inadecuados, acoso ou agresións sexuais.

Esta iniciativa inscríbese no programa de accións que está levando a cabo a Xunta para previr e loitar contra as agresións sexuais. Cómpre recordar que Galicia é pioneira no lanzamento de campañas para loitar contra o acoso sexual no ámbito laboral e veciñal, ademais de que xa ten en marcha unha campaña contra o acoso nos festivais musicais galegos que se engloban na marca Fest Galicia. Ademais, o Goberno galego tamén está a facer un esforzo por levar estas campañas de divulgación e información ao ámbito universitario, a través de distintas xornadas que se organizaron nos campus galegos.

Agora, dáse un paso máis ao estender esta loita aos concellos, cos que a Xunta leva colaborando activamente nos últimos anos en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero, a través de iniciativas como o apoio aos CIM (Centros de Información á Muller) ou coas actividades programadas dentro da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

3 de agosto de 2018 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.