publicidade hoxe

Xunta e a Fundación Catedral recuperarán e conservarán o patrimonio construtivo en madeira da Catedral de Santiago

Francisco Conde durante a visita

Francisco Conde durante a visita

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou hoxe un convenio de colaboración co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, para recuperar e conservar o patrimonio construtivo en madeira da Catedral de Santiago. A actuación levarase a cabo a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e o CIS-Madeira coa Fundación Catedral.

O acordo permitirá facer unha diagnose do estado actual dos elementos en madeira no interior da catedral e abordar distintos tratamentos protectores e de acabado contando co asesoramento técnico da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e do CIS-Madeira. Entre as actuacións concretas que se levarán a cabo, Conde destacou a construción das estruturas de madeira de castaño das novas cubertas das capelas Mondragón, A Branca e O Pilar e a inspección da madeira do baldaquino.

“O importante é que a través desta colaboración teremos a oportunidade de coñecer os procesos construtivos da Catedral e, polo tanto, coñecer de primeira man toda a enxeñería que se desenvolveu na súa construción e, a partir de aí, colaborar na conservación e recuperación de noso patrimonio”, apuntou o conselleiro.

O titular de Economía indicou, deste xeito, que a iniciativa suporá unha nova oportunidade para poñer en valor o patrimonio artístico da Catedral, tras a renovación da súa fachada e o pórtico da Gloria, e permitirá que o CIS-Madiera poida poñer en práctica técnicas innovadoras nun dos templos máis simbólicos de Galicia.

O convenio de colaboración asinado hoxe tamén inclúe a difusión, a través de xornadas ou publicacións especializadas, das técnicas de conservación e recuperación que se empregarán nos distintos traballos.

Conde sinalou que non é a primeira vez que o CIS-Madeira colabora coa Fundación Catedral, por exemplo, na restauración dos xugos das campás da Torre das Campás, un traballo que permitiu manter as pezas orixinais.

Para rematar, o conselleiro puxo en valor o compromiso da Fundación Catedral coa promoción e o coidado do patrimonio artístico e cultural da Catedral; a capacidade do centro tecnolóxico CIS-Madeira para achegar solucións innovadoras nun ámbito tan valioso como o da restauración e a conservación do patrimonio, destacando o seu labor durante máis de dúas décadas no desenvolvemento da madeira; e a vocación da Axencia Galega da Industria Forestal de dar maior visibilidade á madeira autóctona dentro e fóra da Comunidade “para que Galicia sexa un referente neste eido non só desde o punto de vista do recurso, senón tamén desde o punto de vista dos diferentes usos”, subliñou. Do que se trata, segundo o conselleiro, é de dar a coñecer este valor engadido que a madeira pode aportar a través de usos estruturais e industriais.

3 de agosto de 2018 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.