publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 35 praias acollerán a campaña de sensibilización sobre a importancia do marisqueo e a problemática do `Furtivismo de bañador´

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPoioPortada esquerda
A-
A+

A Xunta levará a 35 areais galegos a campaña de concienciación Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, que se puxo en marcha o 20 de xullo e se prolongará ata o 17 de agosto nas praias galegas que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas. Así o lembrou Rosa Quintana durante a visita realizada ao posto desta iniciativa, que hoxe está na praia de Raxó, no concello de Poio, un dos nove municipios pontevedreses nos que estará presente esta campaña.

Alí a titular de Mar fixo fincapé en que o obxectivo desta acción é concienciar á cidadanía sobre a importancia do marisqueo e a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación. Neste sentido, puxo de relevo a importancia do marisqueo nesta zona, pois os mariscadores representan máis da metade dos membros da confraría de Raxó.

Co obxectivo de poñer en valor esta actividade e amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e que desenvolven os seus profesionais, realizaranse un total de 50 accións, que consisten nunha dinámica de xogo educativo. Así, segundo expuxo a conselleira, desde o seu comezo ata agora a iniciativa estivo presente en 29 areais de 15 concellos costeiros galegos.

Para desenvolvela, a Xunta solicitou a implicación do sector enviando a principios de xullo unha misiva a todas as confrarías de Galicia para informalas da súa posta en marcha. Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na importancia de loitar xuntos contra a problemática do furtivismo de bañador, pór en valor o labor dos mariscadores e mariscadoras profesionais e facer un chamamento á responsabilidade de cada bañista.

A maiores, a conselleira recapitulou outras iniciativas de sensibilización da Consellería do Mar. Unha delas é o proxecto piloto desenvolvido no 2016, que consistiu na entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil Non piques, non peques, que leva máis de 10.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo de produtos do mar.

O furtivismo nas praias

En relación á problemática do furtivismo nas praias, Rosa Quintana explicou que cada verán o Servizo de Gardacostas realiza entre 500 e 1.000 inspeccións nos areais galegos, nas que incluso se chegan a comisar máis dunha tonelada de marisco.

Neste sentido, fixo fincapé en que o furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos. Tamén é un problema medioambiental, porque supón un prexuízo para o ecosistema, e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

3 de agosto de 2018 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.