publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Román Rodríguez anuncia un investimento de 360.000 euros para restaurar o mosteiro de Carboeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaSilleda
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao Mosteiro de Carboeiro

Román Rodríguez na visita ao Mosteiro de Carboeiro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá un investimento superior aos 360.000 euros para acometer obras de restauración no mosteiro de Carboeiro, en Silleda. Neste sentido, a Consellería asinará un convenio de colaboración cos propietarios do ben para poder licitar os traballos canto antes.

En concreto, as accións incluídas no proxecto básico e de execución contemplan a limpeza e reparación da cuberta da igrexa, a limpeza das fachadas en xeral, a mellora das fiestras das torres para evitar a entrada de auga na cripta, a reparación e consolidación de muros en mal estado e a rehabilitación da cuberta da antiga casa monacal, na que tamén se solucionarán os problemas de humidade. A maiores, limparanse as pinturas da ábsida. O prazo de execución das obras, segundo fixa o proxecto, é de 4,5 meses.

Cómpre lembrar que este proxecto de rehabilitación se enmarca no programa de actuacións destinado á conservación e posta en valor de inmobles declarados BIC vinculados coas rutas do Camiño de Santiago. Dentro dos informes realizados ao abeiro deste programa, o do mosteiro de Carboeiro mostrou a necesidade de realizar unha actuación de reparación e restauración do mesmo.

Tal e como destacou Román Rodríguez, estes traballos axudarán a mellorar o estado e conservación futura deste ben, do que destacou o seu valor arquitectónico e patrimonial, que o coloca como un recurso cultural e turístico de referencia non só para o concello de Silleda, senón para toda a comarca de Deza e para Galicia. Na visita ao mosteiro acompañaron o conselleiro o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña; e mais a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Amplo estudo sobre o mosteiro

A maiores destas accións, búscase promover unha actuación integral no ben que teña continuidade no tempo. Para iso será preciso realizar un completo estudo sobre o seu estado de conservación, elaborando unha ampla diagnose e propoñendo as actuacións necesarias, así como a súa orde de prioridades e urxencia. Así mesmo, e coa base destes estudos, propoñeranse outros máis específicos e unha ordenación de usos existentes, así como de novos usos, viables e compatibles cos valores do monumento.

En definitiva, o obxectivo é facilitar a súa xestión e mantemento futuro, ao mesmo tempo que se incrementa o interese e satisfacción do visitante nun dos bens máis senlleiros da comarca de Deza.

Románico con influencias góticas

O mosteiro de Carboeiro é un dos monumentos medievais mais salientables de Galicia, tanto pola súa arquitectura como polas súas características de implantación no territorio, construído nun promontorio escarpado rodeado polo río Deza e ao carón do camiño que conducía a Merza e Santiago. As orixes do mosteiro remóntanse ao século X, sendo fundado polos condes de Deza, e desde 1931 ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de Monumento.

A igrexa é de estilo románico con influencias góticas e clara relación coa arquitectura santiaguesa da época representada polo Mestre Mateo.

29 de agosto de 2018 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.