publicidade hoxe

Posta en valor do castro de Montes Claros en A Laracha a través dun campo de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta mañá aos 12 mozos e mozas que participan estes días no Campo de Traballo “Castro de Montes Claros”, na localidade coruñesa de A Laracha. Unha iniciativa englobada dentro da Campaña de Verán 2018 que permitirá poñer en valor este asentamento fortificado da Idade de Ferro a través da limpeza e acondicionamento da súa contorna.

A actividade arrancaba o pasado mércores coa chegada dos participantes ao antigo Hospital de Peregrinos, hoxe reconvertido en albergue municipal, e se estenderá ate o vindeiro día 15. Neste tempo, os mozos e mozas chegados de diferentes puntos do territorio nacional (Vizcaia, Valladolid, Valencia, Pontevedra, Madrid, Huesca, Granada e A Coruña) terán oportunidade de realizar tarefas de acondicionamento e limpeza da contorna do castro. Nomeadamente da mellora do camiño de acceso mediante o aporte de material, da limpeza de maleza e broza, recollida do lixo, eliminación de rebrotes de arborado e matogueira, poda das árbores existentes, limpeza manual e controlada nos afloramentos rochosos e nos valados de pedra e labores de sinalización.

Pero tamén haberá tempo para participar en obradoiros medioambientais de flora e fauna do entorno; obradoiros de coñecemento sobre a vida dos celtas, xogos deportivos; talleres de debuxo arqueolóxico e mesmo rotas de sendeirismo polos sendeiros do río Anllóns (entre Vilaño, Cabovilaño) e do río Bradoso. Tamén para recompilar as lendas e historias que acompañan a estes castros coa axuda dos veciños e veciñas da zona e coñecer os lugares máis representativos do municipio larachés (ruta das capelas, as igrexas, Caión ou a rota dos muiños; e mesmo de desprazarse ate as cidades da Coruña e Santiago.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para poñer en valor, neste caso, o castro de Montes Claros e a súa contorna”.

Nesta liña, apuntou que os campos “tamén promoven a participación e implicación da xuventude, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

3 de agosto de 2018 | 14:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.