publicidade hoxe

Os Puntos de Atención Continuada resolven máis do 90% das urxencias que atenden

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Os Puntos de Atención Continuada do Sergas teñen unha porcentaxe de resolución das urxencias que atenden superior ao 90%. Así, ao longo de todo o ano 2017, os 91 PACs distribuídos por toda a xeografía galega atenderon un total de 1.548.272 urxencias, das que resolveron o 91% das mesmas, sen necesidade de que foron derivadas a un centro hospitalario. En consecuencia, o Sergas quere destacar aos magníficos profesionais que desenvolven o seu labor nestes dispositivos, que fan un traballo importantísimo non so para o noso sistema sanitario senón, tamén, para a nosa sociedade.

O Servizo Galego de Saúde quere destacar a alta accesibilidade dos seus recursos sanitarios, como é o caso dos Puntos de Atención Continuada, que son un modelo de éxito, posto que cada día atenden a unha media de 4.000 persoas.

Ademais de destacar o importante labor que estes dispositivos están a facer para atender as necesidades sanitarias da poboación, o Sergas quere remarcar que representantes das direccións xerais de Recursos Humanos e de Asistencia Sanitaria do Sergas participan na comisión técnica constituída para analizar a situación do persoal dos Puntos de Atención Continuada, no que se están a abordar a dotación de prazas así como cuestións como a distancia e a dispersión.

Coa constitución desta comisión técnica, e as súas correspondentes xuntanzas, a vindeira está prevista para setembro, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña ratifica o seu compromiso de diálogo co persoal, así como de analizar as súas reivindicacións.

Aposta pola sanidade pública

A Xunta de Galicia amosa ano tras ano a súa aposta pola sanidade pública, como queda reflectido nos seus orzamentos, dos que o 40% dos mesmos están dedicados a este apartado. Así, a sanidade pública galega conta, a día de hoxe, con 1.544 profesionais máis que hai nove anos (36.506 en 2008 e 38.050 en 2017). Ademais, o número de médicos de familia incrementouse nun 7% pasando de 2.434 no ano 2008 a 2.601 en 2017.

Na nosa comunidade autónoma, a media de usuarios maiores de 14 anos (adultos) asignados por médico de atención primaria é de 1.281, mentres que a media a nivel nacional é de 1.381. Compre remarcar a este respecto que os colexios médicos e as sociedades científicas consideran que a ratio óptima médico/paciente é de 1.300 e non debe superar os 1.500.

A Consellería de Sanidade continúa, pois, co seu compromiso de ir acadando maiores cotas de estabilidade do seu persoal. Así, as ofertas públicas de emprego dos últimos anos centráronse na categoría de médicos, especialmente de primaria. Ao respecto, o vindeiro mes de novembro, celebraranse as probas para cubrir 214 prazas de médico de familia.

Ademais de todo o anteriormente sinalado, o Sergas está a incrementar a oferta de prazas MIR, e o ano pasado realizouse a maior oferta dos últimos anos, alcanzando as 394. A especialidade de médico de familia e comunitaria foi de 98 prazas, 6 máis que en 2016. Tamén ampliouse a idade de xubilación dos profesionais ata os 68 anos.

Sinalar, por último, que a falla de médicos é un problema que afecta non só ao Sergas senón a todo o Sistema Nacional de Saúde e, ao respecto, Galicia participa nun grupo de traballo formado polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para abordar esta cuestión.

8 de agosto de 2018 | 14:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.