publicidade hoxe

Os gardacostas requisan 884 útiles e 300 quilos de marisco e peixe en distintos controis no litoral galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaSucesos
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron 884 nasas e butróns, 150 metros de artes de enmalle e preto de 300 quilos de marisco e peixe en distintos controis realizados nos últimos días polo litoral galego.

Na ría de Arousa, os axentes de Gardacostas incautaron un total de 307 nasas e butróns que estaban sen identificar, 150 metros de artes de enmalle e máis de 137 quilos de marisco e peixe. Unha das actuacións máis destacadas desenvolveuse en San Vicente do Grove e Esqueiro e saldouse coa incautación de 157 nasas por carecer de identificación e de 57 quilos de polbo.

Nos controis realizados na ría de Muros e Noia os axentes requisaron 352 nasas e 33 quilos de marisco. O control máis relevante foi en Punta Aguieira e deu como resultado a incautación de 277 nasas, que estaban caladas en zona prohibida e sen balizar, e de 17 quilos de polbo.

Ademais, na ría de Camariñas, os gardacostas incautaron 20 nasas por estar sen identificar, e na de Corcubión 64 nasas que tamén estaban sen identificar e 27 quilos de polbo. Os axentes tamén realizaron controis por terra e por mar na ría de Coruña, onde incautaron 16 butróns e comisaron preto de sete quilos de peixe e marisco; na ría de Ares, onde requisaron catro quilos de centola, e na ría de Cedeira, onde os axentes comisaron preto de tres quilos de percebe.

A maiores, os controis realizados na ría de Pontevedra resultaron coa incautación de 56 útiles, a maioría nasas, e co comiso de 53 quilos de marisco. A actuación máis destacada foi en Festiñanzo e no porto de Sanxenxo e nela os gardacostas requisaron 52 nasas e catro viveiros, que estaban sen identificar e seis quilos de polbo, catro quilos de nécora, dous quilos de lumbrigante e un quilo de camarón. A ría de Vigo tamén foi escenario de controis onde os axentes requisaron 69 nasas por estar mal balizadas e 28 quilos de polbo e dous de congro.

6 de agosto de 2018 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.